Este 25 de xuño, un brinde pola República Galega

Un xantar e diferentes actividades en Chaián (Trazo, perto de Compostela) conmemoran este domingo aquel 27 de xuño de 1931 en que Galiza se converteu en República

2016062720364864341

Chaián, un fermoso espazo con  praia fluvial no Concello de Trazo, a escasos quilómetros de Compostela, acolle este domingo, 25 de xuño, un ‘xantar republicano’ en conmemoración da II República galega. Un acto no que haberá diferentes actividades, desde música ao vivo e foliada a unha palestra do historiador Uxío-Breogán Diéguez, e para o que se pode conseguir bonos na Gentalha do Pichel.

O ramo a este acto consistirá nun brinde pola República Galega. Lembrarase así aquel 27 de xuño de 1931 en que Galiza se converteu en República. Non é un feito socialmente moi coñecido, mais Galiza foi declarada república pouco despois da saída de Alfonso XII de Madrid. Corría o 27 de xuño de 1931.  Primeiro en Ourense onde "unha multitude presa da indignación" camiñou até a Casa do Concello para erguer "a bandeira azul e branca" e proclamar a primeira Republica galega.

O 27 de xuño de 1931 unha maré toma o Pazo de Raxoi --sede do Concello compostelán-- e obriga a demitir en bloco a Xunta de Goberno. Entre o fervor d@s operari@s e lebreg@s que se agolpaban ás portas da Casa consistorial, Alonso Ríos era proclamado "presidente da Xunta Revolucionaria da República Galega" mais "entón, este dixo que era do pobo", como recolleu naquela altura o diario El Pueblo Gallego. Poucas horas durou esa primeira república. A escasa implicación cidadá noutras capitais e vilas do pais rematou por provocar a caída da Xunta revolucionaria e con ela a efémera independencia da Galiza.

Comentarios