23 F: o programa

Un obxectivo e tres golpes. Se ben partillaban o aspecto central, isto é  defender o proceso de reforma política institucionalizado pola constitución de 1978, diverxían na metodoloxía e nos procedementos a aplicar.

O rei comparece o 23 F.
photo_camera Juan Carlos I comparece o 23 F

Ao fin, rematou por imporse o que deu en coñecerse como “ o golpe á francesa”, pola súa similitude coa “operación De Gaulle” e que estaba vinculado á Coroa e aos sectores atlantistas, en detrimento do “golpe á grega”, pilotado por Tejero e os membros do bunker, e o “golpe á chilena” que tiña Miláns del Bosch e algúns militares de alta graduación como representantes senlleiros. Non tardou en comprobarse que aquel golpe tiña triunfado, abondaron os días seguintes, unha autentica apoloxía da constitución e de persecución aos disidentes, do que foron exemplo as manifestacións de repulsa ao golpe nas vilas e cidades galegas, mobilizacións das que excluíron as e os nacionalistas por negárense a apoiar a carta magna.

Estamos diante dunha operación política impulsada desde o aparato do Estado, dirixida a blindar o texto constitucional, lexitimar a coroa, chave de bóveda do réxime, acoutar os limites do proceso autonómico, abrindo a vía a involución no feito territorial, e excluír do campo de xogo as forzas nacionalistas, que defendían en solitario a alternativa de ruptura política. Se no ámbito da política internacional vai favorecer de xeito decidido unha maior integración na folla de ruta atlantista, case de inmediato producirase á incorporación á OTAN, na política doméstica promoverase todo un paquete lexislativo recentralizador e represivo, do que son bo exemplo a Lei Orgánica de Harmonización do Proxecto Autonómico, a LOAPA, as primeiras normativas do estado de excepción, sitio ou alertas, ou a Lei de Defensa da Constitución, que tipifica penalmente os delitos de rebelión.

O programa político do 23 F será aplicado de xeito decidido polos gobernos de Calvo Sotelo e de Felipe González

O programa político do 23 F será aplicado de xeito decidido polos gobernos de Calvo Sotelo e de Felipe González. A resposta, froito do amplo consenso existente entre AP, PCE, PSOE e UCD, concrétase na posta en marcha dunha alternativa de involución democrática, centrada na persecución aos movementos nacionalistas. Así, amagan cunha primeira proposta de ilegalización daquelas forzas políticas que cuestionen a unidade do Estado, aspecto que lembrará o aznarismo para defender a Lei de Partidos, por non falar de todo o dispositivo represivo aplicado desde as diversas instancias do poder. A prohibición do congreso de ERGA no mes de abril, o procesamento de diversos cargos institucionais do BNPG en Sarria ou Ourense, a condena a Francisco Carballo pola súa Historia de Galiza, as denuncias contra os xornalistas d´A Nosa Terra, a prohibición da manifestación do Día da Patria Galega ou as detencións no acto de homenaxe a Moncho Reboiras do 12 de agosto, son algúns exemplos deste novo clima en Galiza.

Certificou o remate do tempo histórico aberto após a morte de Franco, o triunfo da operación de reforma e a consolidación dunha democracia de baixa intensidade, en coherencia coa tradición política española e as necesidades do bloque atlantista. A conciencia dese novo escenario, o convencemento da fortaleza do réxime por parte de amplos sectores sociais que con diferente intensidade o viñan cuestionando e a convicción por outros continxentes da imposibilidade de mudanzas de fondo, provocou dolorosas consecuencias no conxunto do movemento popular, nas formas de participación política e no tecido social que enfrontaba o modelo institucionalizado na Constitución de 1978. As fortes convulsións sufridas nese ano de 1981 polo corpo nacionalista, máis alá das razóns de orde endóxeno vinculadas a vida interna das propias organizacións que serviron para as agudizar, non se explican sen o estado de opinión publica derivado dos sucesos do 23 de febreiro. Serviu ao fin, para impoñer un  articular There is no alternative de feitura borbónica, costuras oligárquicas, patrón europeísta e medidas atlantistas. 

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios