Opinión

2019? Velaquí a cuestión!

O ritual consumista e de “bos costumes” marca o ciclo de cambio de entrada de ano, coa circunstancial ledicia de superar os malos momentos que concorreron no ano que rematou de fenecer. Con este simplismo un convértese en cómplice de dar as boas vindas a un ciclo descoñecido de doce meses, que na vida real de cada individuo outórgalle praceres, desencantos e traxedias. Mais por enriba de todo vibran as emocións programadas de aceptar o descoñecido. E isto pode resultar fatal cando nos cerca unha certa pestilencia que a aceptamos pechando o nariz, mais ela continúa; ou cando os ácaros nos proen e deixamos que nos consuma a sarna. Nesta improvisación e abandono chegaremos a que unha especie de peste negra nos elimine fatalmente. Estamos nun ciclo temporal inzado de incógnitas. 2019 talvez constate algúns presaxios que no seu momento non desatendemos, aquelas mensaxes cargadas de carraxe mesiánica e ameazas de hecatombe que non soubemos parar a tempo.  

Mais o enigma vaise desentrañando e, por todo lado, notamos síntomas de profundos agravios que desembocan en severas e obsesivas confrontacións verbais. Que podemos agardar cando a palabra perde o seu apousento e preponderantes matices de permanencia? Cada vez mais faise críbel esa quimera que aterroriza poboacións e engole seres vivos. Parece que os monstros están en acción, inventando a súa terrorífica Odisea, ben diferente á de Homero. A condescendencia faise máis imposíbel en sectores político-económicos que imperan e nos reducen ao mais rudimentario dunha sociedade desprotexida en salarios, dereitos laborais e de xénero, etc. As superpotencias mostran o seu lado máis agresivo no que respecta a seu predominio económico, reforzando os seus aparellos bélicos de alta dimensión destrutiva. Estas exhibicións mostran as advertencias consignadas no escenario de probas, por parte de showmans que presiden o teatro da política máis perigosa e extravagante que estamos percibindo. Isto non son simples obsesións apocalípticas, por parte de moitos observadores que perciben pragmaticamente os cantares terroríficos de sereas.

Isto pode resultar fatal cando nos cerca unha certa pestilencia que a aceptamos pechando o nariz, mais ela continúa; ou cando os ácaros nos proen e deixamos que nos consuma a sarna

 

Esas exhibicións en moitos casos son observacións militares, como as efectuadas por Putin no frontal atlántico europeo, desde Helsinki a Lisboa, con avións de camuflaxe e submarinos. Isto pode que se perciba en clave de que os rusos están detectando unha posíbel decadencia estrutural de Europa, ou un suposto escenario de combate militar. Todo é imprevisíbel nun amplo espazo onde o tsunami económico pode accionar o choque. E neste contexto podemos ampliar o problema na deriva dos EE. UU., con políticas frontistas levadas aos extremos mais compulsivos, que se manifesta na intromisión exterior e na apoloxía patolóxica de Donald Trump, que conta cos seus acólitos e sinistros persoeiros como Bolsonaro no Brasil, que non será o último en formar parte da tenebrosa estrema dereita que está espallando Steve Bannon, o ideólogo de Trump, que parte de dúas referencias de destaque: potenciar a discriminación de xénero, aplicar unha activa tolerancia xenófoba contra o diferente e desestabilizar amplos espazos de liberdade. Estes son os proxectos que Bannon puxo en acción, sendo receptivos por unha dereita, outrora moderada en seus tópicos, e agora  asumindo os extremos máis belixerantes, con fixación nos aspectos de xénero e xenofobia.

Velaquí a cuestión de 2019, para un amplo sector da sociedade a inestabilidade e o pesimismo non son excluíntes. No caso concreto do Estado español o dilema político-social é bastante amplo e específico debido á súa diversidade cultural, contrastes territoriais e escenarios económicos que oscilan entre a estabilidade e estancamento ou en vía de retroceso como é o caso galego, que conta con bastantes puntos vermellos que apuntan a esa desorde que se manifesta na economía, no despoboamento e na emigración. E todo isto, en 2019 ten que cuestionarse ante unhas eleccións municipais por parte dun activo e sensíbel nacionalismo, transmisor de temas puntuais, como a transformación de sectores capaces de estruturar mudanzas desde os concellos e que sexan cribles e participativos. No presente estamos ante unha convocatoria esencial de eleccións municipais, nas que temos que configurar un avance e, sobre todo, cuestionar moitas cousas incorrixíbeis que nos veñen de fóra e, tamén, das que se producen desde dentro e que en varias ocasións producen non pouca anguria.              

           

Comentarios