1936: a caza do home na bisbarra ourensá das Frieiras

O territorio fronteirizo de Monterrei e As Frieiras foi o derradeiro na Galiza en ser controlado polas forzas que urdiron o golpe militar de 1936. A partir do 29 de xullo, e logo de sufocar a resistencia armada que se pretendeu organizar por parte dos sindicatos aos que pertencían a maioría dos traballadores da vía do ferrocarril en construción entre Zamora e Ourense (coñecidos como “carrilanos”), xunto con carabineiros da contorna e algunhas autoridades locais republicanas, a Columna de soldados, gardas civís, gardas de asalto e carabineiros enviada desde Ourense e mandada polo capitán da Garda Civil Juan Ros Hernández, tomou a zona deixando un rastro mortal. Comezaba así contra aqueles resistentes e contra os munícipes republicanos, renovados por presión popular tras os comicios de febreiro daquel ano, unha persecución infernal aínda hoxe oculta para boa parte da cidadanía.
A fábrica de conservas de Vieta en Muros foi campo de concentración para presos políticos, sendo derrubada recentemente. (Foto: Arquivo Dionisio Pereira)
photo_camera A casa da Viúva, na Gudiña, propiedade da comerciante Florinda Ortega Pérez, nai do alcalde da Fronte Popular Felicísimo Pérez. (Foto: Arquivo Dionisio Pereira)

Os lobos de Amoeiro

Daquela, entre o 1 e o 3 de agosto, os fascistas de Amoeiro actuaron por conta da patronal da vía, matando, aldraxando e roubando sen freo. Sirva, sen máis, este testemuño: “Os falanxistas de Amoeiro que foron matar xente á Gudiña trouxeron móbeis, cans de perdices, escopetas e abusaron das mulleres de alá...”.

Entre elas, foi violada e logo asasinada Teresa, a muller do militante do Sindicato Único de Trabajadores (CNT) da Gudiña, Nemesio Alonso Sotillo, na altura detido no Castelo de Viana habilitado como cadea,onde morrerá tras os malos tratos padecidos.

Aos poucos días, os de Amoeiro, comandados polo comerciante Juan Paradela, retornaron cun camión que encheron de mercadorías, confiscadas “á brava” en diversos estabelecementos: 

“Tremíamos de medo cando víamos vir os falanxistas de Amoeiro. Roubaron nas tendas de Nicomedes e da viúda, a nai de Felicísimo”.

Refírese o testemuño a Felicísimo Pérez Ortega, alcalde da Fronte Popular por Izquierda Republicana e fillo de Florinda Ortega Pérez, ‘A Viúva’, adiñeirada propietaria de comercio, café, estanco e surtidor de gasolina. Pois ben, o comercio foi asaltado, as portas esnaquizadas e roubadas todas as existencias.

Daquela, a ‘Casa da Viúva’ ficou arruinada, a propietaria presa na cadea de mulleres de Bande, mentres Felicísimo puido fuxir a territorio leal á República.

As milicias da FE da Gudiña, nas que salientou algún capataz do camiño de ferro, tiveron tamén a súa participación nos asasinatos e abusos padecidos na vila e na súa contorna; porén,aínda sabemos pouco dos “claudeados” anónimos na Aira do Serradeiro, ou dos catro queimados en Pentes na noite do 31 de agosto, dos que só coñecemos a identidade do mestre de Flariz (Monterrei), o galeguista alaricán José Luis Bouzas e, posibelmente, a do directivo da CNT Juan Pousa.

Esta é unha pequena parte doutro capítulo do coleccionábel 'Os nomes do terror'. Podes seguir coa lectura no Nós Diario que atoparás hoxe nos quiosques e na nosa tenda online para a súa lectura na nube. Anímate a facer a túa subscrición neste momento!

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios