Galiza súmase á xornada de mobilización xeral contra o TTIP o 18 de abril

Ese día terán liugar accións simultáneas en Europa e América do Norte. Organizacións e entidades como a CIG denuncian o ‘’secretismo’’ e ‘’escurantismo’’ das negociacións. Unhas xornadas de Ecoar debullarán o que supón o tratado.

ttip1

O 18 de abril haberá mobilizacións e actos de rexeitamento ao TTIP ((Tratado Transatlántico de Comercio e Investimentos) e CETA (Acordo Económico de Comercio Global) en Europa e América do Norte. Unha xornada de mobilización xeral simultánea na que tamén estará Galiza, onde ese día decorrerán diferentes accións. A CIG vén de anunciar que se suma a esta campaña mobilizadora “coa previsión de organizar actos en todas as localidades posíbeis cuxo contido concreto se irá definindo nas vindeiras semanas”. O sindicato nacionalista está a desenvolver unha campaña informativa sobre as consecuencias do tratato.

En febreiro de 2013, Obama e Durão Barroso anuncian oficialmente as negociacións para aprobar o Tratado de Libre Comercio e Investimento entre Estados Unidos e Unión Europea (TTIP). Un acordo cuxa orixe remóntase á Declaración Transatlántica asinada en 1990 por George Bush pai e Giulio Andreotti como presidente do Consello Europeu. 

"Non é só un macro-acordo comercial"

O TTIP non é só un macro-acordo comercial entre EUA e UE. "É o proxecto de libre comercio máis ambicioso e de máis envergadura do mundo", como afirma o xornalista e activista Victor Yustres. "Responde á estratexia de Bruxelas e Whashington por manter a lideranza global fronte ao medre dos países emerxentes (BRICS)". Unha estratexia que se concretiza nun acordo que vai ter efectos moi directos sobre o día a día das persoas.

Elites políticas e económicas defenden o TTIP como unha oportunidade de medre económico e creación de postos de traballo. Visión moi distinta ten a ampla rede deopositores a este tratado, desde sindicatos e organizacións de esquerdas até ambientalistas, defensores de dereitos humanos, xuristas, colectivos sociais... "Vai traer unha privatización salvaxe dos servizos públicos, un desregulamento de moitos sectores económicos fulcrais, unha perda de dereitos laborais, recortes en protección ambiental...", sinalan.

Xornadas Ecoar: Susan George

A Coruña, Santiago e Compostela acollerán do 23 de marzo a 16 de abril as xornadas 'Recuperar a soberanía, desarmar o TTIP', impulsadas por Ecoar e para cuxa realización hai unha campaña aberta de crowdfunding en Goteo. Entre as persoas que participarán como poñentes destacan grandes nomes como Susan George, Arcadi Oliveres ou Florent Marcellesi. Ademais das charlas, as xornadas contarán con diferentes eventos (videodebate, proxeccións,...) en diversas localizacións.


No número 121 de Sermos Galiza, aquí na nosa loxa, tratamos nunha ampla reportaxe a dupla páxina o Tratado de Libre Comercio UE-EUA

Comentarios