Opinión

17 de maio. Desconfinemos o galego

O galego leva demasiado tempo confinado. Restrinxida a súa libre circulación no seu propio país cando non directamente vetada a súa presenza e, por tanto, condicionado negativamente o noso desenvolvemento como pobo en todos os planos.

Na última década de goberno na Xunta de Alberto Núñez Feixoo non se gardaron nen as aparencias. Por acción ou omisión fóronse desmantelando os pequenos avances para a lingua. Exemplo visíbel e recente é a utilización do castelán nas comparecencias públicas do presidente da Xunta para informar da Covid 19. Cando se insiste en que o virus non entende de fronteiras nen de linguas xa sabemos, por ser argumento reiterado en variadas circunstancias, que só serve o español e esta é a lingua na que figura o cuestionario de uso obrigado para as traballadoras e traballadores do teléfono de atención habilitado polo goberno de Galiza. O virus confinou de novo a obriga formal das institucións galegas, co presidente da Xunta á cabeza, de potenciaren a lingua, non sendo que sexa posíbel potenciar e desprezar a un tempo. Mais, é posíbel identificar coa presidencia dun país unha persoa que se nega a utilizar a lingua de tal país? Pódese defender o noso desenvolvemento social, económico e cultural, cando se oculta e despreza todo o que nos identifica e fai existir como pobo?

Lémbrao María do Pilar García Negro na carta aberta a Ricardo Carvalho Calero que é manifesto de Queremos Galego para o 17 de maio: Somos galegas e galegos. A mellor forma de que esta condición se exteriorice, de que non se disimule, de que se admita coa necesaria naturalidade e orgullo, é a práctica da nosa lingua.

Nesta década de regresión saimos á rúa multitude de veces e de persoas. Contestamos cada un dos pasos atrás e en todos os lugares posíbeis. Esta insistencia perante un goberno e un presidente que preferiron antepor outros intereses renunciando á defensa do país motivaron que no último ano recebésemos importantes apoios de organismos internacionais. Temos o informe do relator especial da ONU para as minorías nacionais ou o do Consello de Europa, cuxas resolucións obrigan a Estado e Xunta se quixeren cumprir aquilo ao que están comprometidos, nomeadamente a Carta Europea de linguas rexionais e minorizadas. Se así for, deben garantir que os procedementos xudiciais, administrativos, información, saúde, cultura, actividades económicas, ensino etc. se poidan realizar completamente en galego. Entre outras cousas, isto implica que a todo o funcionariado se lle debe requirir o coñecemento de galego, incluídos traballadores e traballadoras da saúde, para garantir o dereito á atención na nosa lingua. Respecto do ensino, non só debe ser integramente en galego, é que segundo o Comité de Ministros do Consello de Europa, deben de se eliminar as restricións ao ensino en galego na Galiza.

Porén, coma sempre, nengún avance virá sen actuarmos día a día, con toda a nosa capacidade, para a normalización plena do noso idioma, animando a usalo, usándoo, reclamándoo cando non estiver e mobilizándonos perante as agresións. Ser galega, ser galego, falar e vivir en galego, debe ser normal, tanto como debe calquera outro ser humano, con calquera outra nacionalidade na súa lingua.

Precisamos do galego para existir como pobo. Garantir o galego é garantir a xustiza, a igualdade e a cohesión social. A xustiza de ser quen somos, de vivir na lingua propia sempre, con todo amparo, con todo dereito e coas obrigas correspondentes que o garantan. A igualdade de vivirmos na nosa lingua sen restrición nengunha como calquera outro pobo do mundo que se estima a si propio e aspira a un futuro digno. A cohesión social da lingua que une todas as persoas que forman parte dun pobo con obxectivos e intereses comúns.

Nestes días temos a obriga de recluírmonos nas nosas casas, mais isto non impedirá que continuemos a pular para que a nosa lingua fique xa desconfinada. Este 17 de maio, desde xanelas e varandas faremos ver de novo que Galiza existe porque ten lingua cantando e pendurando a nosa bandeira nas xanelas, varandas e nas redes sociais.

Comentarios