79º ANIVERSARIO DO FUSILAMENTO DE BóVEDA

Día da Galiza Mártir, un día para a dignidade

Hoxe, 17 de agosto, é un día para a memoria, para honrar a Galiza Mártir, simbolizada na figura de Alexandre Bóveda, que hai 79 anos era asasinado na Caeira (Poio) polos falanxistas.

Día da Galiza Mártir na Casa do Pobo (Nós), en Oleiros
photo_camera Día da Galiza Mártir na Casa do Pobo (Nós), en Oleiros. Foto: Xurxo Lobato.

Como cada ano, o 17 de agosto, Día da Galiza Mártir, é un día para a memoria de todas as mártires e os mártires do país que morreron asasinados por defenderen os seus ideais. O 17 de agosto é o día no que os galegos e galegas conmemoramos a figura de Alexandre Bóveda, ao que Castelao definiu como motor do Partido Galeguista. E é que aquel fatídico 17 de agosto de 1936, Bóveda, un dos fíos que teceu o anteproxecto de Estatuto, era fusilado no monte da Caeira despois de ser detido o 20 de xullo de 1936 por traizón e condenado a morte nun xuízo que tivo lugar o 13 de agosto do mesmo ano.

Para recoñecer a figura e traxectoria política de Bóveda e para recuperar a memoria do noso pobo, Pontevedra e Poio acollen na data do seu asasinato diversos actos de homenaxe. Nesta ocasión, a xornada comezará ás 13h no Monumento á Galiza Mártir, na Caeira (Poio) cun acto institucional organizado polo Concello de Poio que contará coas intervencións de Silvia Díaz (concelleira de Cultura), Xosé María Álvarez Cáccamo (Regaduxa), Uxío-Breogán Diéguez (presidente da Fundación Alexandre Bóveda), Amelia Bóveda (representante da familia) e de Luciano Sobral (alcalde de Poio).

Durante o xantar da Fundación Alexandre Bóveda terá lugar a entrega do X Premio Galiza Mártir a título póstumo a Francisco Carballo

A continuación, desenvolveranse os tradicionais xantares da Fundación Alexandre Bóveda e de Galiza Nova. Durante o xantar da Fundación Alexandre Bóveda terá lugar a entrega do X Premio Galiza Mártir a título póstumo a Francisco Carballo.

Na xornada da tarde, a partir das 19h, celebrarase unha homenaxe cívica no cemiterio pontevedrés de Santo Amaro, coas intervencións do escritor Suso de Toro e do vicepresidente da Fundación Alexandre Bóveda, David Otero. Ás 20.30h comezará o acto político organizado, como cada ano, polo BNG e por Galiza Nova na praza de Curros Enríquez (Pontevedra). Intervirán Sabela Bará, responsábel comarcal de Organización de Galiza Nova, e César Mosqueira, vicepresidente da Deputación de Pontevedra.

Comentarios