16 de outubro: a data barallada para unha folga xeral nas Pontes contra o abrupto feche da central

Esta terza feira repetirase a mobilización dos camións que transportaban o carbón desde A Coruña e a cuarta feira hai unha xuntanza en Madrid co Ministerio de Transición Ecolóxica.

Concentracion do persoal de Endesa As Pontes en Compostela (1)
photo_camera Concentracion do persoal de Endesa As Pontes en Compostela (

“É extremadamente urxente unha reunión na que a alta dirección de Endesa aclare as súas intencións nas Pontes”, explicaban o pasado 13 de setembro desde o comité de empresa nunha mobilización secundada por centos de persoas diante do edificio administrativo da Xunta de Galiza para denunciar as consecuencias que a falta de actividade da central térmica de Endesa nas Pontes ten sobre todos os sectores económicos da vila e da súa comarca. Non houbo esa xuntanza e a dirección de Endesa anunciou hai uns días nun comunicado enviado á Comisión Nacional do Mercado de Valore que aceleraba o feche previsto da central.

A noticia colleu de imprevisto a toda a comarca, onde máis de 800 empregos directos e indirectos dependen desa central. Hai inquietude e preocupación, recoñecen os sindicatos. Creouse un ‘comité de crise’ con representantes de organizacións políticas, sindicais, sociais e do tecido económico da comarca e sobre a mesa púxose unha data para unha folga xeral. O 16 de outubro.

As mobilizacións vanse intensificar estes días. Esta terza feira haberá unha caravana desde A Coruña dos camións encargados de transportar carbón para As Pontes. A cuarta feira está prevista unha xuntanza en Madrid co Ministerio de Transición Ecolóxica.

Desde os sindicatos hai meses en que demandan compromisos claros por parte de empresa e administracións para que o paro da central térmica non afectase o emprego, instando a estudar vías e posibilidades dunha transición enerxética “xusta”.

Comentarios