131 mobilizacións pola independencia de Catalunya tecen a Diada máis atípica

'Precisamos dispor das ferramentas dun Estado independente para poder construír un futuro mellor", eis a consigna baixo a que se desenvolveron até 131 "manifestacións estáticas" e de pequeno formato este 11 de setembro con motivo da Diada. 
A ANC conmemorou a Diada con máis de 130 actos. Na imaxe, o evento central en Barcelona (Imaxe: ANC)
photo_camera A ANC conmemorou a Diada con máis de 130 actos. Na imaxe, o evento central en Barcelona (Imaxe: ANC)

'Precisamos dispor das ferramentas dun Estado independente para poder construír un futuro mellor", eis a consigna baixo a que se desenvolveron até 131 "manifestacións estáticas" e de pequeno formato nunha vintena de concellos de Catalunya para reivindicar a soberanía nacional con motivo do 11 de setembro, a Diada.

A convocatoria partiu un ano máis da Assemblea Nacional Catalana (ANC) e ao conxunto das concentracións non puideron acudir máis de 59.900 persoas debido á necesaria preinscrición previa para evitar aglomeracións.Porén, diversos medios de comunicacións españois empregaron esa limitación de asistencia para sinalar que se dera unha caída de participación no independentismo respecto de anos anteriores. 

O acto central tivo lugar na praza Letamendi de Barcelona, ante a sede da Axencia Tributaria española. A presidenta da ANC, Elisensa Paluzie, defendeu a realización das mobilizacións. "Queremos defender o dereito á manifestación con seguridade (...) Xustamente porque hai crise a necesidade de independencia é máis urxente, porque queremos ter un Estado que reme a favor dos intereses da cidadanía", dixo. 

Pola súa banda, Òmnium Cultural lembrou as persoas represaliadas por motivos políticos nos Països Catalans, colocando 2.850 cadeiras baleiras (unha por cada represaliada) no paseo Lluís Companys de Barcelona. O acto contou coa asistencia de Paluzi, do xefe do Executivo catalán, Quim Torra, e co president do Parlament, Roger Torrent. Mais o Govern, como tal, só participou da tradicional ofrenda floral a Rafael Casanova.

Previa a esa homenaxe, Torra pronunciou o que podería ser o seu último discurso á fronte do Executivo nunha Diada, se finalmente resulta inhabilitado polo Tribunal Supremo. Falta, de facto, menos dunha semana para o recurso sobre a súa inhabilitación. Na súa intervención, Torra chamou  á xenerosidade, unidade, compromiso e humildade para facer posíbel "a liberdade en tempo de represión", a "democracia en tempo de autoritarismo" e "a república catalá en tempo de monarquías corruptas". En termos similares apareceu unha frase en Twitter de Oriol Junqueras, o líder de ERC en prisión, animando a pelexar  "por un futuro digno, de liberdade e xustiza social. Pola república catalá. Pese á represión seguimos determinados a lograr a independencia".  

Teima represiva

Este 11 de setembrotamén se coñeceu o acordo unánime do pleno do Tribunal Constitucional en contra de denegar a suspensión das ordes españolas de busca e captura e ingreso en prisión do ex president Carles Puigdemont e do ex conseller Toni  Comín decretadas polo Supremo. Ambos os dous soberanistas son eurodeputados.

Comentarios