O proxecto de universidade privada que Abanca impulsa na Galiza vai supoñer unha “mercantilización do ensino” e establecerá unha fenda do alumnado en función das súas capacidades económicas. Así o denunciou esta terza feira en Compostela a Plataforma Galega en Defensa da Universidade Pública, que se presentou publicamente na Libraría Couceiro.
Integrada polos sindicatos CIG, CCOO, UGT, así como polas organizacións estudantís Erguer , Anega Acción Universitaria e Sindicato de Estudantes, a Plataforma considera que “hai motivos suficientes” para que a sociedade galega responda fronte ao desembarco da universidade privada. Chama a facer parte da Plataforma a asociacións, colectivos e organizacións que acreditan na universidade pública e anunciou as primeiras mobilizacións: o vindeiro 11 de febreiro nos sete campus galegos.
As e os representantes da Plataforma lembraron que as iniciativas de universidades privadas no resto do Estado mostraron a que conducen: o “elitismo social”, un ensino superior para ricos e outro para o resto. E a Xunta, denunciaron, quer traer iso a Galiza.
Non se coñece 100% o que propón a universidade privada para as súas 8 titulacións, máis alá de que estas se enmarquen nas áreas de Enxeñería e Arquitectura, e xurídico-social. Ámbitos, denuncian, que xa están cubetos pola oferta do Sistema Universitario público de Galiza (SUG). A privada vén competir coa oferta da pública, denuncian.
O proxecto de Abanca, aliás, non responde para a Plataforma ao que se establece e no anteproxecto de Lei para o seu recoñecemento e que di desta universidade privada que é “de interese galego e sen ánimo de lucro”. “Pois nin unha cousa nin a outra”, enfatiza a Plataforma.
“Esta universidade privada sería nefasta”, conclúen,: nefasta “para os intereses públicos, para o Sistema Universitario Galego e para a poboación, xa que os servizos públicos son o único garante do acceso universal á educación”.