11 anos de retroceso na lingua

Menos do 1% dos seguros, 5% das sentenzas, 0,6% dos xoguetes, 8% das escolas infantís das cidades, 4,6% da grella televisiva infantil e xuvenil que baixa ao 2,7% na fin de semana. 24% de menores de 15 anos asegura ser incapaz de falalo e é imposíbel usalo para abrir unha conta bancaria. Estes son algúns dos datos que reflicten os 11 anos da Xunta contra o galego, institución obrigada á súa promoción.

o galego e a formula 900

A liberdade de uso das linguas cooficiais anunciada por Alberto Núñez Feixoo á súa chegada á Xunta foi para o galego condicionada á ausencia de oferta e ao afogamento da demanda. Unha novidade antiga na que ultrapasar os límites impostos ao galego e a histórica reclusión a determinados ambientes e espazos pasou a se denominar imposición. A coñecida inacción dos poderes autonómicos transformouse en belixerancia. Nunca antes un presidente fora tan radicalmente agresivo e contrario ao galego no exercicio das súas funcións, fabricando novos prexuízos e restaurando os vellos, como se demostrará nos seguintes parágrafos.

Xunta de Galiza: o galego nin pagando

Feixoo estreouse como presidente da Xunta eliminando o requisito de facer en galego algunha das probas de acceso á función pública autonómica. “Que a mobilidade de funcionarios por todo o territorio nacional non se vexa menoscabada por barreiras lingüísticas”, declaraba o 21 de maio de 2009, 4 días após a masiva manifestación do 17 de maio. Defendía así un suposto dereito superior dos españois a vaga pública na Xunta fronte ao dereito de galegas e galegos a seren atendidos e entendidos na súa lingua.

Unha de cada 4 menores de 15 anos di ser incapaz de falar galego

A Administración galega acumula o maior número de queixas por vulneración dos dereitos lingüísticos (56%) das tramitadas pola Liña do Galego, un servizo da Mesa pola Normalización Lingüística. Comunicacións, informacións, sinaléctica e atención ao público son as máis abondosas. Existen casos onde as queixas están relacionadas con servizos públicos que ofertan empresas privadas en nome da Administración sen ningunha presenza oral ou escrita do galego, nen sequera para trámites esenciais como pagamento de taxas, impostos, multas... Nin se prevé o emprego do noso idioma en empresas contratadas pola Administración pública.

A propia Xunta de Galiza paga o desprezo polo noso idioma. Tal acontece cada ano co Exército español nos convenios contra os lumes forestais. Nas primeiras cláusulas encontramos previsións lingüísticas que só permiten o uso do castelán en calquera relación con militares, o que supón crear graves vulneracións de dereitos cidadáns en momentos de gran tensión e perigo.

O Servizo Galego de Saúde está só formalmente galeguizado en parte da súa sinalización e da súa documentación. Porén, a obriga de coñecemento do español para exercer no sistema de saúde galego non existe para o galego. A Mesa denunciou casos moi graves nos que varios hospitais atrasaban durante meses operacións cirúrxicas de pacientes só por pediren asinar o seu consentimento informado en galego. O que por protocolos internacionais relacionados co dereito á saúde se ofrece en moi diversas linguas está vetado en galego.

En relación á dobraxe ao galego de filmes, en 2015 a CRTVG só executou 1,8 millóns dos 3,4 previstos

Retroceso no ensino

Mentres o decreto 79/2010 impuxo ao galego o obxectivo de se restrinxir ao 33% das aulas e ficar prohibido en Matemáticas, Tecnoloxía, e Física e Química, a Lomce reduciuno dotando de máis carga horaria ás materias nas que está vetado. Na educación infantil o galego só é maioritario no 8% das escolas das cidades onde 100% teñen materiais en castelán, o 94% en inglés, e só 47 os teñen en galego. O tratamento é peor que o dunha lingua estranxeira.

Así, 1 de cada 4 menores de 15 anos di ser incapaz de falar galego. O índice máis alto de toda a súa historia que inviabiliza o seu uso por unha parte significativa da mocidade, e un índice que non deixou de crecer desde 2003, e só rexistrou un lixeiro descenso en 2008. Os datos pertencen ao estudo dos hábitos nos fogares galegos de 2018 realizado polo Instituto Galego de Estatística.

Que outro resultado se pode esperar cando se nega a educación substancialmente en galego en infantil, primaria e secundaria comprometida nun tratado internacional como a Carta Europea das Linguas Rexionais e Minorizadas? A Xunta de Galiza suprimiu en 2010 as únicas 8 liñas públicas de ensino íntegro en galego a pesar da grande demanda e boa acollida.

A xustiza, ao 5%

Contra o sinalado na Carta Europea das Linguas, o Estado non muda o marco xurídico (artigos 231 Lei orgánica do poder xudicial e 142 Lei de procedemento administrativo común) para que as autoridades xudiciais na Galiza leven a cabo os procedementos en lingua galega a petición dunha das partes. Pola contra, si poden impedilo e exixir o procedemento en castelán. A utilización do galego é opción voluntaria dos xuíces e fiscais mentres non se opuxer ningunha das outras partes.

A propia Xunta súmase ao rexeitamento do galego de grande parte do poder xudicial cunha aplicación informática para os xulgados (Minerva Nox), que non permite o uso da lingua e forza quen o quixer facer a unha sobrecarga de máis do 40%, facendo todo de forma manual. Limítase até a vontade, se a houber, de utilización do galego. As estimacións máis xenerosas indican que o número de sentenzas en galego non chega ao 5%.

Lexendaxe en galego

A galega é única lingua do Estado que non conta cunha canle pública de televisión específica para o público infantil e xuvenil. A programación en galego para este segmento de poboación é do 4,6% de segunda a sexta e redúcese ao 2,7% na fin de semana.

A Administración galega acumula o maior número de queixas por vulneración dos dereitos lingüísticos (56%) das tramitadas pola Liña do Galego

Caso único no Estado, o Goberno galego non mostra interese en chegar a acordos con compañías privadas para ofertaren filmes ou series con dobraxe ou lexendaxe a galego en salas comerciais, TDT ou plataformas dixitais como Movistar, Netflix ou HBO. Os acordos dos Gobernos vasco e catalán para a lexendaxe con Movistar cústanlles só 61.000 euros ao ano, menos do que aínda percibe o Director xeral de políticas culturais, responsábel da elaboración do decreto contra o galego no ensino.

En relación á dobraxe ao galego de filmes, en 2015 a CRTVG só executou 1,8 millóns dos 3,4 previstos. Así o sinalou a propia directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentares en resposta na Cámara galega após a denuncia da Asociación de Profesionais da Dobraxe de Galiza.

E que dicir da reciprocidade de emisións de radio ou televisión entre Galiza e Portugal, malia partillarmos lingua, a proximidade cultural, o interese de Portugal nesta recepción e as obrigas estabelecidas na Carta Europea das Linguas?

Consumo en galego

Das máis de 500 disposicións legais que no Estado obrigan ao uso do castelán, máis de 200 refírense a actividades comerciais ou de información ás persoas consumidoras, sen que a Xunta exercese as súas competencias, recoñecendo para o galego os mesmos dereitos e deberes que ten o español. Só unha norma ampara timidamente o uso do noso idioma sen estabelecer mecanismos para facelo efectivo. Un dereito que ninguén ten o deber de corresponder.

Poderíamos recoller centos de respostas de desaprobación e recriminación a persoas usuarias de servizos polo uso do galego no seu propio país: “Esto es España y se habla castellano”, “O me habla castellano o no le atiendo”, “Usted tiene el deber de hablar castellano”. Coaccións directas e indirectas para forzar á renuncia ao uso do propio idioma, co amparo do Boletín Oficial do Estado e do Diario Oficial da Galiza, para que en galego o cliente nunca levar razón.

Non opera neste momento na Galiza ningunha entidade bancaria que permita realizar todos os trámites en galego, nin existe ningún tipo de regulación que protexa os dereitos lingüísticos neste ámbito. A venda das antigas caixas, que após a presión social avanzaran na incorporación do galego á súa documentación, supuxo un gran retroceso neste ámbito. Só na banca electrónica, en operacións básicas, se chega ao 40% na opción de galego.

Nos seguros, malia a lexislación, e a figurar como dereito nos propios contratos, só temos un 1% de posibilidade de contratarmos en galego.

Peor parte levan as crianzas, que só dispoñen do 0,6% de xoguetes en galego.

Rectificar a historia

Esta é a realidade empírica, visíbel, contrastábel na que non é preciso indicar que en todos os ámbitos referidos a presenza do español é total, esmagadora e incuestionábel. Como reparar e normalizar o galego sen recuperalo para todos os espazos? Sen eles, onde fica a liberdade para vivirmos na nosa lingua? Mais todo pode mudar. Por que non vivirmos en galego na rúa do Vilar de Santiago cos mesmos problemas e as mesmas vantaxes que en español na Gran Vía de Madrid? Carvalho Calero lembrábanos que é posíbel rectificar a historia. Fagámolo posíbel.

Comentarios