100 días dun preso político chamado Oriol Junqueras

Un vicepresident na cadea. O líder da terceira forza política dun país en prisión. Sen nengunha sentenza en contra. Esa é a situación que vive Oriol Junqueras desde 2 de novembro de 2017. O mundo de ERC lanzou este sábado a iniciativa #FreeJunqueras.

Free
photo_camera Roger Torrent, Marta Rovira e Carme Forcadell

Non por acaso foi eleito o concello de San Vicenç dels Horts por xente moi próxima a Junqueras como o lugar ideal para lle render tributo ao líder republicano, a mesma xornada, este sábado 10 de febreiro, en que fai 100 días en prisión. 100 días como preso político. No acto -no que tomaron parte centos de persoas- víronse faixas cos lemas #FreeJunquerasNow e #LiberdadePresosPolíticos.

En San Vicenç dels Horts foi alcalde Junqueras e foi nesa vila en que puxo en marcha o seu proxecto de remozamento e alargamento da base social do independentismo. A semente prendeu e ERC, xa sen el ao fronte, conseguiu reter a alcaldía. A alcaldesa Maite Aymerich asistiu ao acto, canda a secretaria xeral do partido, Marta Rovira, a dirixente que, en ausencia de Junqueras, está a asumir o liderado da formación. Tamén se deixaron ver o president do Parlament, Roger Torrent; a súa predecesora no cargo e agora parlamentar de Esquerra, Carme Forcadell; o portavoz de ERC no Congreso, Joan Tardá; ben como tamén o ex dirixente de Podem, Albano Dante-Fachín, e o ex dirixente da CUP Albert Botrán, estes últimos participaron na leitura a varias voces do manifesto co que se puxo o ramo ao acto.

O preso político Junqueras estaría máis que satisfeito de ver Dante-Fachín e Botrán no acto: por aí -por ampliar a base de sustentación do proxecto republicano- ía precisamente a súa aposta cando asumiu o liderado de ERC, en setembro de 2011. Naquela altura o independentismo estaba moi lonxe de soñar que alcanzaría en apenas 4 anos a maioría absoluta no Parlament. Naquela altura ninguén podía agardar que o daquela novo líder de Esquerra -historiador e doutor en Historia do Pensamento Económico- acabaría na cadea 6 anos despois por ter promovido a realización dun referendo de autodeterminación.

"Reclamamos a imediata posta en liberdade de Oriol Junqueras e os demais presos políticos, o retorno dos exiliados e a restitución de todos os seus direitos políticos como representantes eleitos do conxunto do pobo de Catalunya", reza o manifesto deste evento co que se pon en andamento a campaña #FreeJunqueras.

Junqueras fíxose presente neste día por meio dunha mensaxe na súa conta twitter. "O mellor regalo que nos podedes facer hoxe é constituír o Govern, recuperalo para avanzar nacionalmente e socialmente", afirma. Nas últimas datas, ERC, nun claro exercicio de pragmatismo político, está a pór o acento en que a saída do labirinto non pasa tanto por unha restitución simbólica do Govern anterior ao 155 -isto é, polo retorno de Puigdemont e Junqueras á presidencia e á viceprsidencia- como pola efectiva constitución dun executivo blindado a calquera continxencia xudicial e que poda restaurar as institucións do autogoberno.

 

Comentarios