Opinión

1.833 mortes > 10.000 mortes

Por que unhas mortes son noticia e outras non? Cantas vidas europeas equivalen á vida dunha iraquí? E americanas? Cantas vidas americanas equivalen á vida dunha filipina? Para os medios de comunicación masiva, a aritmética é ben doada e sempre prevalecen as mortes dos países occidentais sobre as mortes dos países da periferia. 

Por que unhas mortes son noticia e outras non? Cantas vidas europeas equivalen á vida dunha iraquí? E americanas? Cantas vidas americanas equivalen á vida dunha filipina? Para os medios de comunicación masiva, a aritmética é ben doada e sempre prevalecen as mortes dos países occidentais sobre as mortes dos países da periferia. 

"Por que unhas mortes son noticia e outras non? Cantas vidas europeas equivalen á vida dunha iraquí? Cantas vidas americanas equivalen á vida dunha filipina?" 

Cóntanse por milleiros os falecementos causados por catástrofes naturais nos últimos dez anos, unhas máis predicíbeis, outras menos. Mais non todas tiveron nin a mesma relevancia nin o mesmo tratamento informativo. De feito, apenas lembraremos as vítimas do terremoto de Bam, no Irán, que en 2003 deixou entre 35.000 e 46.000 mortes, nin do terremoto da rexión de Pisco, no Perú, que en 2007 acabou coa vida de 596 persoas, nin do terremoto que fixo tremer a zona central de Chile en 2010, con 525 vítimas ás costas. Tamén no 2010 tiña lugar o terremoto de Haití, que causara a morte de 316.000 persoas. Non é necesario irmos tan atrás no tempo. Hai apenas dous meses, a finais de setembro, un terremoto acababa con 825 vidas en Paquistán. Quizais nin nos lembramos. Pola contra, de seguro que gardaremos imaxes do tsunami de 2004 no Índico, que enguliu a vida de 186.983 persoas, ou do que tivo lugar en 2011 no Xapón e que deixou 20.896 mortes. Nin que dicir ten que nos lembraremos do furacán Katrina, que en 2005, acababa con 1.833 vidas en Nova Orleáns. Tamén nos lembrariamos, mais por outras razóns de pura estratexia política, de haber algún furacán con máis de 20 mortos en Cuba. Entón, as vidas cubanas terían tanto valor como as vidas xaponesas ou americanas. Mais, evidentemente, por oportunismo de Occidente contra o Goberno cubano.

"Nuns anos apenas nos lembraremos do tifón Haiyan, mais si teremos en mente o furacán Katrina. Xa sabemos que, na aritmética mediática, son máis 1.833 mortes nos EUA que 10.000 nas Filipinas".

Esta dupla calculadora que empregan os medios non vive das catástrofes naturais. Tamén é utilizada á hora de computar os atentados, porque non é o mesmo unha matanza en Nova Iorq ou en Londres que unha matanza en Mogadiscio ou en Trípoli. Para esta calculadora, o atentado que acabou coa vida de 37 persoas nun café popular de Bagdad hai apenas dúas semanas non ten nin a cuarta parte de valor que a matanza acaecida nas inmediacións do mando de Operacións dos EUA en Washington. Porque un atentado no corazón do imperio equivale a centos de miles de atentados nos países do Sur. Ás empresas que fan negocio coa comunicación só lles importa a cantidade de visitas que poida xerar unha noticia ou a cantidade de xornais que poidan vender ou a cantidade de oíntes ou televidentes que poidan sumarse á audiencia, é o espírito do capitalismo. E ao conxunto de persoas usuarias pasivas, sen crítica, impórtanlles máis os mortos na matanza da preestrea de Batman, que consideran “dos nosos”, que as 37 ou as 30.000 mortes en atentados nos países da periferia, que son “dos deles”. Ao fin e ao cabo, é unha cuestión de egoísmo e un sentimento de superioridade. Como nos ía acontecer a nós iso, morrer nun café? Moitísimo máis doado sería falecer nun atentado equivalente ao das Torres Xemelgas ou a calquera matanza en centros de ensino estadounidenses.

Esta fin de semana, chegounos a lamentábel noticia das máis de 10.000 mortes provocadas polo tifón Haiyan nas Filipinas. Moi posibelmente a cifra acabe duplicándose ou, quizais, triplicándose. Semella que tanto nos ten 100 mortes que 10.000, que 100.000, cando falamos de catástrofes que acontecen lonxe deste mundo “civilizado”. Xa se encargan os medios de masas de que empaticemos máis cos países occidentais ou occidentalizados e de nos facer inmunes ás mortes e desgrazas dos países do Sur. Aventúrome a escribir que nuns anos apenas nos lembraremos do tifón Haiyan, mais si teremos en mente o furacán Katrina. Xa sabemos que, na aritmética mediática, son máis 1.833 mortes nos EUA que 10.000 nas Filipinas.

Comentarios