Tereixa Paz:"Hai que rachar coas políticas ultraliberais e recuperar a perspectiva de xénero"

Tereixa Paz encabeza a listaxe electoral do BNG pola circunscrición de Ourense. Durante esta lexislación defendeu en múltiples ocasións, os posicionamentos nacionalistas en materia de igualdade, nas sesións do Parlamento galego. Segundo Paz, estes anos de goberno do Partido Popular supuxeron "un gran retroceso neste ámbito" e asegura que un dos principais obxectivos da organización frontista é "recuperar a perspectiva de xénero como elemento transversal en todos os ámbitos de actuación política".
Tereixa Paz
photo_camera Tereixa Paz


Vostede é das poucas mulleres que encabezan as listas electorais, a que cre que se debe?
Por moito que se ten avanzado no ámbito da igualdade e da visibilización das mulleres en cargos de responsabilidade política aínda non se avanzou o suficiente como para que deixe de ser noticia que unha muller encabece unha lista electoral. Segue existindo o chamado ‘teito de cristal’ polo que ás veces prevalecen outro tipo de criterios fronte ao da igualdade na configuración das listas.

Durante esta lexislatura defendeu no Parlamento galego, en diversas ocasións os posicionamentos do BNG en materia de igualdade, como foron estes tres anos e medio para as mulleres galegas?

Estes tres anos e medio de goberno do Partido Popular foron un auténtico retroceso porque nese ámbito lembramos que a lexislatura comezou coa toma en consideración da ILP da chamada Red Madre cuxa finalidade era pór en cuestión o dereito a decidirmos sobre o noso corpo e a nosa maternidade e fomentar toda unha serie de actuacións dirixidas a criminalizar mesmo as mulleres que voluntariamente deciden non ser nais nun determinado momento, fomentando unha rede que ademais considera case as mulleres como simples incubadoras na súa dimensión de nais. Isto acrecentouse con medidas como supresión do Servizo Galego de Igualdade, a eliminación das oficinas de igualdade e benestar que existían nas diferentes comarcas e que pretendían dotar de instrumentos para procurar a igualdade das mulleres no medio rural, a aprobación dunha reforma laboral –a nivel estatal-- que atenta contra a conciliación xunto coa diminución de dispositivos para favorecer a conciliación da vida laboral e familiar; a aprobación dunha Lei de familia e outro tipo de medidas que no plano ideolóxico que transloce a idea de que ‘as mulleres estamos mellor na casa facéndonos cargo na familia que ocupando cargos de responsabilidade na sociedade, no mundo empresarial, no mundo político...’.

"Estes tres anos e medio de goberno do Partido Popular foron un auténtico retroceso en materia de igualdade"

Mesmo vivimos grandes retrocesos na loita contra a violencia de xénero, onde as vítimas padeceron tamén recortes nas prestacións que tiñan recoñecidas por lei. Creo que a lexislatura comezou moi mal e remata, aínda peor, con dous feitos moi graves, a proposta de modificación da lei do aborto por parte do señor Ruíz Gallardón e que pretende levarnos á época en que as que podían pagar ían abortar en condicións no estranxeiro e as que non facíano na clandestinidade poñendo en perigo a súa vida. Ademáis, Núñez Feijóo a día de hoxe aínda non expulsou do partido a un señor que se permitiu o luxo de dicir que ‘as leis, igual que as mulleres, están para ser violadas’.

"As cuestións de conciencia non deben interferir na lexislación. As mulleres teñen dereito a exercer libremente a súa sexualidade"

Cales son as propostas do BNG para rachar con esta tendencia retrógrada?
A primeira proposta é rachar coas políticas que se impoñen desde os ámbitos ultraliberais que coinciden cos intereses dos poderes económicos e financeiros. No plano máis concreto, hai que recuperar a perspectiva de xénero como elemento transversal en todos os ámbitos de actuación política, hai que promover no ámbito laboral –como está recollido por lei en Galiza-- un plano de emprego para as mulleres encamiñado a pór fin ás desigualdades laborais e salariais. No plano da cobertura social e pública, dotármonos de dispositivos que permitan unha conciliación efectiva da vida persoal e laboral das mulleres, rachando con esas ‘obrigas’ reprodutivas e de coidados para que non sexan só responsabilidade das mulleres, mais que, en todo caso, ademais de corresponsabilizar o resto da sociedade neses traballos que existan dispositivos que permitan ás mulleres desenvolver outras tarefas.


Defenden o aborto libre e gratuíto....

Nós cremos que a maternidade ten que ser unha decisión libre e voluntaria que adopte cada muller. O aborto é un dereito e non unha obriga. Polo tanto a maternidade tamén debe ser un dereito e non unha imposición. Nós cremos que as cuestións de conciencia non deben interferir na lexislación. As mulleres teñen dereito a exercer libremente a súa sexualidade e a decidiren sobre o seu propio corpo , polo que deben poder interromper un embarazo non desexado. Por tanto, a cobertura debe ser pública e gratuíta para evitar as desigualdades, porque ao contrario, haberá ademáis dunha discriminación por razón de xénero producirase unha desigualdade por razón de clase.

Esta entrevista foi estractada do número 20 do semanario en papel. Podes mercar a edición impresa nos seguintes puntos de venda ou facéreste subscritor/a.

Comentarios