'El Jueves' desafía a censura: na última capa, o Borbón 'faille a cama' á Xustiza

En 2007 a Audiencia nacional española ordenou a retirada dunha publicación desta revista satírica en que Felipe de Borbón e Letizia Ortiz practicaban sexo debaixo dun cartaz dos 2.500 euros do cheque-bebé de Zapatero e cun diálogo que dicía: "daste conta? se quedas preñada, vai ser o máis parecido a traballar que fixen na vida"


"Agora o Rei fode na Xustiza". Un titular, acompañado dunha imaxe do Borbón na cama cunha muller que ten os ollos vendados e leva na man unha báscula, é a capa que a revista satírica El Jueves levará esta cuarta feira, día 15, aos quiosques.

A imputación e posterior desvinculación de Cristina de Borbón no caso Nóos serve de escusa á publicación para desafiar a censura desde 2007, cando a Audiencia nacional española ordenou a retirada, por supostas inxurias á Coroa española, dun número da revista en cuxa capa aparecían Felipe de Borbón e Letizia Ortiz practicando sexo debaixo dun anuncio do cheque-bebé posto en marcha polo Goberno do PSOE e cun diálogo que dicía: "daste conta? Se quedas preñada, vai ser o máis parecido a traballar que fixen na vida". 

Malia que a revista seguiu empregando a imaxe dos Borbóns para a sátira, é a primeira vez que lle mete o dedo no ollo á monarquía dunha maneira tan evidente desde xullo de 2007.

Daquela, e após unha iniciativa do autor pontevedrés Kiko da Silva, El Jueves chegou a mudar a súa emblemática cabeceira 'La revista que sale los miércoles' por outra que facía referencia á censura e que dicía 'La revista que secuestran los viernes'.

Á retirada do exemplar dos quiosques, a publicación respostara cunha portada alternativa onde baixo o anuncio de 'Rectificamos: esta é a portada que queriamos publicar' aparece unha imaxe do fillo do Borbón caracterizado como unha abella e sobrevoando unha flor coa cara de Letizia Ortiz.

Houbo outras portadas en que El Jueves xogou coa actualidade monárquica, como aquela en que, baixo o titular 'O Rei retoma as súas actividades', Sofía de Grecia aparece caricaturizada con cornos. 

Comentarios