"A perda de fondos europeos para Galiza débese ao desleixo de institucións que traizoan o país"

Após a aprobación no Parlamento europeo da nova Política Pesqueira Común, falamos con Ana Miranda, eurodeputada do BNG en Bruxelas. Abordamos con ela algúns outros aspectos de actualidade como a negociación dos Orzamentos para 2014-2020 ou a súa participación en cimeiras internacionais onde amosou o apoio d@s nacionalistas galeg@s a outros pobos oprimidos do mundo.
Ana Miranda
photo_camera Ana Miranda

Esta semana aprobouse a nova PPC no Parlamento...
Desde 2009 o Parlamento ten capacidade de co-decisión en Política Pesqueira Común. Era unha oportunidade única pois era a primeira vez na historia que se producía.

Cales eran as demandas do BNG?
Nós presentamos máis de cen emendas centradas na defensa da pesca artesá galega, no marisqueo e na diferenciación da acuicultura extensiva (cultivo de mexillón e marisqueo) fronte á intensiva ou industrial. Defendimos un modelo de pesca sustentábel tanto en altura coma en baixura e costeira. Mais caéronnos un importante número de emendas e fronte ao posicionamento inicial no que iamos absternos, a medida que se ía desenvolvendo a votación no plenario foron caendo as demandas que para nós eran irrenunciábeis --verbo dos intereses estatais, polo que votamos en contra.

"Defendimos un modelo de pesca sustentábel tanto en altura como en baixura e costeira, mais caéronnos un importante número de emendas que para nós eran irrenunciábeis polo que votamos en contra"


Que motivou esa mudanza?
É un voto negativo porque a reforma só se centra no aspecto mediambiental, mais non no social nin no económico. Malia que era unha oportunidade para conciliar eses tres intereses cara á unha PPC xusta, finalmente primouse a protección dos recursos fronte a súa xestión e comercialización. Aí foi onde decidimos emitir un voto negativo. Non é que sexamos antiambientalistas senón que queremos que haxa peixe e que estea en bo estado. Porén, non hai pesca sen peixe mais tampouco a hai sen mariñeiros. Son precisas alternativas e incentivos económicos e sociais dirixidos ás persoas que viven da pesca. Agora a oportunidade que queda é o Fondo Europeo Marítimo e de Pesca ao que presentamos 75 emendas co obxectivo de que por aí se incorporen ao documento xeral.

 "O goberno galego amosou un desleixo enorme mentres vendía fume nos medios de comunicación asegurando que estaba a facer todo o posíbel por defender os intereses de Galiza"

O Consello europeo debateu os Orzamentos para 2014 - 2020. Galiza ficará cuns fondos notabelmente reducidos...

Nós levamos aproximadamente un ano e tres meses, desde que estamos no escano, anunciando que Galiza podería perder fondos estruturais. É máis, somos a única representación galega na Comisión de Desenvolvemento rexional na que se xestionan os fondos europeos e de cohesión. Neste senso, pedímoslle á Xunta que se mobilizase, mais nunca houbo ningún contacto con nós. O goberno galego amosou un desleixo enorme neste asunto mentres se vendía fume nos medios asegurando que estaba a facer todo o posíbel por defender os intereses de Galiza e que mesmo se reuniran con Andalucía para crearen un grupo de presión... Non se moveron. Teñen membros galegos nesa Comisión e non fixeron nada para evitar que Galiza perdese boa parte dos fondos que lle corresponden por dereito. Nós procuramos que se mudasen os criterios de asignación para alén do PIB e se tivesen en conta cuestións como a demografía ou o desemprego. Porén, pola deixadez da Xunta e o Estado que traizoan ao país, imos perder boa parte dos fondos.

 

No Parlamento europeo defendes os dereitos de Galiza como nación mais tamén os doutros pobos como o mapuche...
Un dos nosos principios é a defensa das nacións sen Estado e do dereito á autodeterminación de todos os pobos oprimidos. Neste senso, as relacións co pobo mapuche son moi interesantes para o nacionalismo galego mais tamén para eles. Así pois, nós acudimos hai unhas semanas á cimeira UE-Celac para representar o pobo mapuche porque alí só se ía a falar dos investimentos europeos en América Latina e o Caribe, mais non dos dereitos dos pobos.

Mesmo promovimos unha declaración finalmente asinada por 71 parlamentarios entre os que se atopaba algún do PP europeo [ri], de apoio ao pobo mapuche nas súas demandas territoriais, socias e económicas. Porén, tamén procuramos abrir vías de diálogo para rachar coa criminalización d@s súas dirixentes que están a ser xulgad@s sob aplicación dunha lei antiterrorista herdeira da ditadura de Pinochet. Esta lei permite réximes denunciados pola propia ONU como a testemuña encuberta. Neste senso, visitamos dúas cárceres en aras dese chamado humanitario ao que estabamos convocados, para visitar a dous dos dirixentes presos que levaban 75 en folga de fame.

Vostede estivo en Venezuela co gallo das eleccións presidenciais como observadora internacional. Como ve os acontecementos decorridos no último mes no país?

Nós constatamos en Venezuela que o proceso electoral non permite ningún erro. De feito, considerouse o sistema electoral máis correcto que existe nestes momentos e de menor vulneración. Ficou clara que a vitoria de Chávez foi totalmente legal, algo que se demostrou posteriormente nas eleccións por departamentos, onde de novo saíu vitorioso o movemento bolivariano. Agora, coa enfermidade do presidente, a oposición está a aproveitar o momento para desacreditar o goberno. Porén o máis vergoñento está a ser a actitude dalgúns medios de comunicación españois con claros intereses editoriais e económicos no país e todo iso embora nestes momentos en Venezuela exista unha gobernabilidade absoluta. Hai moito nervosismo no seo das élites contra os procesos de transformación latinoamericanos que foron avalados, aliás, pola poboación.

Comentarios