Blogue | Ciencia e Medio Ambiente

Sostibilidade Decrecentista Galega

No primeiro artigo deste blog, presentábamos o concepto da “Emerxencia Ambiental Global”, unha realidade científica que ningunha sociedade nin goberno poden obviar. A emerxencia climática, o espallamento das EEI, a contaminación masiva e a destrución dos hábitats, todos eles factores de cambio global, interactúan entre si, retro-alimentándose e concluíndo nunha quebra dos ecosistemas e na chamada sexta gran extinción. O diagnóstico está feito, queda aplicar os tratamentos. 

Fronte a podremia do ultra-capitalismo consumista e belicista, un sistema absurdo, baseado no delirio do crecemento económico infinito nun planeta de recursos finitos, co único fin de seguir mantendo os privilexios dunhas poucas elites económicas. Toca empoderarnos, seleccionar os mellores coñecementos e técnicas do presente pero tamén do pasado, (agro-gandería natural e extensiva, enerxía renovábel non eléctrica, mobilidade non motorizada, comercio e servizos locais, reutilización continua etc). Para establecer as novas bases dun modelo socio-económico de produción e convivencia, baseado no aforro e non na especulación, na eficiencia e non na malfeitoría, na ciencia e non no dogma, na planificación colectiva, mancomunada e pública do territorio, e nunca máis na depredación cainita.

Un redeseño dos nosos sectores primarios, para que deixen de ser dependentes dos agroquímicos ou pasto dos lumes. Responsabilidade das autoridades públicas para asumir unha mellor xestión completa, eficiente e integral do ciclo da auga. Ou deixar de subvencionar con cartos públicos ou enerxía regalada, a grandes multinacionais contaminantes, e a vez totalmente acabadas e insostíbeis, como electrointensivas, macrogranxas, fábricas de coches ou de envoltorios dun único uso (mentres que outros sectores con alto potencial e útiles para a vida e a economía deste país foron e seguen a ser deturpados ou directamente desmantelados, como o sector naval, o sector do mar ou o sector agro-forestal, entre moitos outros).

As 7Rs: Redeseñar, reducir, reutilizar, reparar, renovar, recuperar e reciclar.

Na coñecida estratexia de Economía Circular da UE, identificáronse 27 materias primas críticas que se poden esgotar a medio prazo e nas que a UE é moi deficitaria, sobre todo combustíbeis fósiles e metais. Unha economía de ciclo fechado, baseada no ecodeseño e na estratexia MultiR, incluíndo unha redución, reutilización, revalorización e reciclaxes intensivas; permitiría unha maior sustentabilidade e abastecemento para os sistemas de produción e consumo. Doutro xeito veriámonos abocados a unha maior carestía das materias, e incluso a futuros desabastecementos e colapsos, e con maiores impactos xa inasumíbeis no medio natural, local e global, que nos sustenta.  Actualmente por exemplo, apenas 18 metais acadan hoxe en día un nivel de reciclaxe superior ao 50%, e a maioría están por debaixo de niveis do 1%.

O fracaso do modelo SOGAMA coloca a Galiza terceira pola cola en reciclaxe de residuos no Estado español (ADEGA, 2022). En Galiza só se recicla ou composta un 20% dos residuos que xeramos, o resto, a inmensa maioría dos residuos, son incinerados ou vertidos. A separación, recuperación e reciclaxe de residuos pode ser ademais de imprescindíbel para o noso futuro, unha gran fonte de postos de traballo. Os prometedores plans municipais de compostaxe individual e comunitaria e o plan Revitaliza, os obradoiros públicos de reparación de electrónica e maquinaria, ou as redes de comercialización de produtos de cero residuo, artesáns ou de proximidade, son xa unha realidade na Galiza (pero sen apoio de políticas públicas por parte das institucións superiores...).

O que precísamos agora, son políticas de maior compromiso neste senso por parte dos gobernos,  tanto da Xunta como o do estado español, que busquen potenciar realmente os sectores produtivos de ciclo fechado. Sería preciso realizar un gran estudo a nivel galego, arredor da potencialidade das plantas enerxéticas de biodixestión nas grandes cidades (prodúcese enerxía mediante a dixestión microbiana dos residuos orgánicos). Así como estudar a viabilidade da idea de reconverter a tragadeira de enerxía eléctrica que representa ALCOA, nun gran centro de recuperación e reciclaxe de aluminio e outros metais.

Os outros 2 piares esenciais para acadar a Sostibilidade Decrecentista Galega , serían:

Un novo Modelo Enerxético: Soberano, Social, Sostíbel e Científico.

Recuperar a nosa Soberanía Alimentaria, e Hídrica (incluíndo a prevención e control das EEI).

Pero de todo isto falaremos nos vindeiros artigos.

Referencias:

- O fracaso de SOGAMA coloca a Galiza terceira pola cola en reciclaxe de residuos no Estado. 2022. ADEGA.

Comentarios