Blogue | Ciencia e Medio Ambiente

Emerxencia ambiental global

Que mellor xeito de comezar este Blogue de Ciencia e Medio Ambiente no Nós Diario que situándonos ante o maior desafío ao que nos enfrontamos como humanidade, a Emerxencia Ambiental Global. Este resumo está extraído de textos máis amplos, traballados conxuntamente co investigador da UDC Manolo Soto. Cara ao final aparecen algunhas referencias científicas das millares existentes na actualidade que referendan esta cuestión.

Non hai dúbida de que a situación do aire, do solo, das augas e dos ecosistemas en xeral non é a mesma que a de hai tan só 50 anos. A investigación científica ten demostrado que dende a revolución industrial, exponencialmente acentuado nas últimas décadas ata a actualidade, o conxunto das actividades humanas foron capaces de ter un impacto sen precedentes sobre o medio natural. Moi por riba da capacidade de rexeneración do mesmo.

A comunidade científica denomínao como “Cambio Global” ou “Grande Aceleración”. A velocidade de transformación-degradación do ambiente estímase entre 50-100 veces superior ao que puido ter existido por causas naturais noutros momentos a nivel histórico. O sistema socio-económico imperante na actualidade, o ultra-capitalismo consumista e belicista exerce unha depredación continua sobre os recursos naturais e os dereitos-benestar dos pobos, arrastrándonos cara unha situación de colapso civilizatorio, en nome do beneficio e privilexios dunhas poucas oligarquías económicas.

A emerxencia climática, o espallamento das EEI (Especies Exóticas Invasoras), a contaminación masiva e a destrución dos hábitats en todas as súas formas son procesos de degradación ambiental a escala planetaria que interactúan entre si, retro-alimentándose, concluíndo nunha perda masiva de biodiversidade, a chamada sexta gran extinción. Esta situación conduce a unha quebra do funcionamento dos ecosistemas actuais, os cales son a base primaria e absoluta do sustento, benestar e produción para as sociedades humanas, en calquera parte do mundo (servizos eco-sistémicos). Autores científicos falan dun cambio de era xeolóxica, o “Antropoceno”, debido a esta mudanza global dos ciclos bio-xeoquímicos e a deposición de milleiros de toneladas de materiais contaminantes artificiais na biosfera. Neste momento existen estimacións de que xa hai o dobre de plásticos que animais vertebrados no planeta, e o peso de infraestruturas construídas supera o peso da biomasa de todas as árbores.

Trátase dunha realidade que ningunha sociedade nin goberno pode obviar. As crises agrarias e o aumento das pragas, a aparición de novas enfermidades, epidemias e pandemias (Covid e outras máis silenciadas). O avance da desertización e erosión do solo, a aparición e persistencia de centos de tóxicos e canceríxenos na auga, no ar ou nos alimentos, o esgotamento ou salinización de acuíferos, o aumento das secas, dos lumes, así como a frecuencia e intensidade de alertas climáticas extremas. A des-sincronización de procesos naturais tan fundamentais como floración-polinización ou eclosión presas-predadores entre outros. Son todas consecuencias directas da Emerxencia Ambiental Global.

O local é universal. O benestar do noso pobo comeza por recuperar a nosa soberanía hídrica e alimentaria, continúa por construírmos a nosa soberanía enerxética, e culmina por acadar a nosa plena soberanía económica e política. Non se poderá evitar a superación dos límites planetarios que conduce ao colapso se non se adoptan medidas en cada rexión, en cada país e en cada sociedade. A contribución de Galiza á sustentabilidade global é imprescindible, construíndo un novo modelo produtivo auto-centrado, circular das 7R (redeseñar, reducir, reutilizar, reparar, renovar, recuperar e reciclar), e científico. Un modelo dirixido a satisfacer as necesidades da poboación, baseado no ben común, e non a engrosar os beneficios crecentes para o capital global afincado na criminalidade e o desfalco.

Axenda Natura:

- 29 / 04 ás 17:30 horas, Sala de Xuntas EPS Enxeñería, Lugo. Mesa Redonda Transición Enerxética.
20 horas Palestra Carlos Taibo Decrecemento e Colapso. UNED Lugo. Xornadas Acción e Terra organizadas pola USC, UNED e Adega.

- 30 / 04 ás 11 horas, Praza América, Vigo. Concentración contra o viario PO-010, Salvemos o Rural de Vigo. Convocada por Avibe, Adega, Amigos da Terra, Ecoloxistas en Acción e Greenpeace.

Referencias:

- Cambio Global: Impacto de la actividad humana sobre el sistema Tierra. 2006. Sergio Alonso, Gerardo Benito, Jordi Dachs, Carlos M. Duarte, Carlos Montes, Mercedes Pardo, Aida F. Ríos, Rafel Simó e Fernando Valladares. CSIC.

- Great Acceleration. 2015. IGBP.

http://www.igbp.net/globalchange/greatacceleration.4.1b8ae20512db692f2a680001630.html.

- “La Tierra está a las puertas de la sexta extinción masiva de vertebrados”. 2017. National Geographic. https://www.nationalgeographic.com.es/naturaleza/actualidad/tierra-esta-las-puertas-sexta-extincion-masiva-vertebrados_11723.

- Planetary boundaries: Guiding human development on a changing planet. 2015. Steffen, W., Richardson, K., e máis. CGIAR. https://www.cgiar.org/.

-“Blowin’ in the wind, como dicía Dylan: Influencia do cambio climático sobre o afloramento mariño e a produtividade das rías galegas”. Xosé Antonio Padín Álvarez. Cerna 64, 12-15. http://adega.gal/media/documentos/0Paginas_desde_CERNA_64-1.pdf.

- Global human-made mass exceeds all living biomass. 2020. Emily Elhacham, e máis. Nature.

Comentarios