Blogue | Ciencia e Medio Ambiente

Arde Galiza

Un verán máis Galiza arde no lume forestal. Un verán máis de cinza, angustia, sufrimento, vidas de compatriotas arruinadas, e de aldeas, granxas e milleiros de hectáreas de monte, matogueira, campos e xoias naturais arrasadas. Un verán máis de frustración e impotencia, ao saber que Galiza vai arder. Un verán máis mirando como caraduras (que se chaman así mesmo xestores) saen á palestra, escusándose de xeito ruín, indolente e con inventivas de toda clase, para non admitir nin o máis mínimo erro nas súas políticas de abandono e rapina sobre o medio natural. Son exemplos destes comportamentos, o falar continuamente das “horríbeis condicións climáticas”, ou das “tramas organizadas de terrorismo forestal” como dicía sen probas Manuel Fraga no ano 1998 e continuaba o señor da mentira Feixóo no ano 2017. Ou aquel delirante “en Galicia hay un número más alto de pirómanos en proporción que en el conjunto de España", da ministra española de medio ambiente do PSOE Cristina Narbona, no ano 2006. Todo isto sumado a peor e máis incompetente conselleira de Medio Rural da nosa historia, a señora Ángeles Vázquez.

Agora o “establishment” PPSOE Español-Xunta, atoparon unha nova cortina de fume para seguir a excusarse na súa falta de xestión e responsabilidade como poderes públicos que son. Galiza e o resto da Península Ibérica arden por mor do “cambio climático”, o inimigo invisible e global, que ultimamente esta servindo para xustificalo todo. Iso si, Galiza non arde polo abandono do rural onde as aldeas e as casas e as granxas da xente, non teñen nin sequera aneis perimetrais de roza de seguridade. Non, pola destrución do sector agro-gandeiro en extensivo. Non, pola neglixencia absoluta de pasar olimpicamente de regular a ordenación e xestión do solo. Non, por unha xestión forestal que converteu a Galiza nun monocultivo e “polvorín” de especies arbóreas invasoras aos servizo das mafias de ENCE e FINSA. Galiza non arde pola política de acoso, derribo e saqueo por parte da Xunta do PP cara as comunidades de montes, en troques de colaborar con elas e apoialas, como as mellores e máis eficaces figuras de xestión dos montes que poden existir. E sempre o dixeron os valentes bombeiros forestais que arriscan as súas vidas por este pobo, en condicións de equipamento e material horriblemente precarias, “Por que non se invirte en prevención, en realizar rozas, cortalumes e cortalumes verdes en outono e inverno?!”.

Claro que a emerxencia climática, de consecuencias desastrosas e incertas, na que xa estamos inmersos vai favorecer a frecuencia e intensidade dos lumes. En Galiza e en moitas partes deste mundo. Por certo, un cambio climático que foi favorecido e acrecentado polas políticas eco-cidas, contaminantes e especulativas do propio “establishment” PPSOE Español-Xunta durante décadas. E cando o movemento ecoloxista intentou dende hai décadas, e tamén no presente, advertir para fixar un cambio de rumbo no modelo de produción-consumo, foi e segue a ser vilipendiado polos sicarios da desinformación do establishment.

No ano 89, Os Resentidos xa cantaban que “Arde Galicia co lume forestal”. Dende o inicio da vixente serie histórica, en 4 décadas dende 1976 ata o 2016, arderon máis de 1,6 millóns de hectáreas. Esta supeficie equivale a máis da metade (55%) do territorio galego. Ano tras ano, sen tregua nin solución, e veña máis abandono e veña máis eucalipto. Nin o uso interesado da emerxencia climática, nin a invención de exércitos de pirómanos galaicos, poderá xustificar a desvergoña, a neglixencia e a inmoralidade, dunha política de xestión do territorio nefasta. Pensada e deseñada para favorecer aos intereses das grandes multinacionais, e non para servir ao conxunto da sociedade galega. Corrupción, soborno e ministros e conselleiras desfilando nas súas portas xiratorias.

ADEGA convocou concentracións neste 19 de xullo, en Lugo e Ourense ao berro de Nunca Máis Lumes!! Estánse sumando xa máis colectivos como a CIG, a FRUGA e comunidades de montes. Non nos calarán, nin nos enganarán. Esta demostrado que nas zonas onde se aplica ordenación do solo, xestión de prevención, usos multifuncionais dos montes e gandería extensiva, os lumes decrecen, tanto en frecuencia como en intensidade. E se xa temos as solucións, porque non se aplican?

Galiza arde, tristemente arde, por culpa principalmente, das políticas do PP de Feixóo, “el gran gestor” segundo os medios de desinformación do réxime, e a súa escura e pesada herdanza para o noso país.

Comentarios