Blogue | E eu que sei

Darío Villanueva lanza unha luva

Semella que Darío Villanueva tras o seu paso pola dirección da RAE descansou e, xa folgado e con forzas renovadas, sae ao torreiro dos debates públicos e propón un desafío intelectual.

Non lin, aínda, o seu libro Poderes de la palabra (Galaxia Gutenberg, 2023) mais hai que lle dar crédito previo pois Villanueva non é simplemente “un catedrático” ou “un académico” senón que polo propio campo de estudos aos que se dedicou e polo que ten demostrado en libros anteriores é un intelectual capaz a someter a crítica tanto as linguaxes artísticas como as súas implicacións sociais. De modo que o seu libro sobre a ideoloxía que transporta a linguaxe é un desafío de vez e ese desafío debera ser correspondido en lide por alguén con capacidade intelectual semellante. E utilizar o cualificativo de “desafío” para o que está propoñendo e o símil de “lide” non é esaxerado, Villanueva quere combater e por iso comparece co ton da belixerancia.

Curiosamente, sendo el un intelectual orgánico ás institucións e correspondéndolle polo tanto defender o establecido preséntase como un combatente contra un outro discurso dado por establecido, o argumentario da “cancelación”. É un aparente paradoxo.

Cabe preguntarse cal é nesta altura o discurso establecido ou o discurso dominante, semella que esteamos nun momento no que o dominante quere desprazar o establecido e establecerse no seu lugar e que é aí onde Villanueva reacciona.

Sendo académico dunha Real Academia e, mesmo, o seu presidente un tempo poderiamos reprobar que utilice ese anglicismo, “cancelación”, mais as realidades son as realidades e vivimos dentro da esfera económica, política e ideolóxica anglosaxona. E, aínda que hai mundo aí fóra, este é un debate que se está a dar dentro desta parte do mundo encerrada nos límites do dólar e a OTAN. Un debate profundo que afecta ás identidades individuais e a reconfiguración de ideas e roles persoais e sociais e que ten, tamén, consecuencias sociais.

No fondo e na orixe é un debate que presentaron e presentan as mulleres, trátase do feminismo. A crítica tan profunda que fai o feminismo á nosa civilización asociada ás que fixeron as antigas colonias aos seus antigos amos, abriron o camiño a que todo estea en cuestión.

 No mundo académico norteamericano e anglosaxón, isto é nas universidades, está en curso o debate, modificando os mesmos criterios científicos establecidos, modificando a idea de coñecemento, as ideas sobre a realidade. Trátase dunha revolución ideolóxica, o poder da palabra crítica.

As reaccións a esa marea crítica tan forte tiveron e teñen campións no ámbito anglosaxón, o máis conspicuo foi o Harold Bloom que na súa reivindicación da Tradición, así con letra capital, chegou ao esquematismo caricaturesco. Existen defensores dese muro de contención contra a maré da “cancelación” no pensamento alemán, mais no ámbito español non se ve unha argumentación seria e ordenada. Non dubido da capacidade de Villanueva para ofrecela, haberá que ler con atención.

Aínda que, de entrada, advirto unha contradición, ou un novo paradoxo, na súa posición pois el avisa a quen pretende modificar a linguaxe de que iso é  unha cousa e que modificar a realidade é ben outra. Mais, nese caso, ben pouca importancia había de ter que modificasen a linguaxe se o seu efecto sobre a realidade fose insignificante. E non, Darío Villanueva, sabe que precisamente modificar a linguaxe ten consecuencias sobre a realidade social, porque ese é o fundamento da civilización, a linguaxe articulada. Evidentemente sabe do poder da palabra, da ideoloxía, é minusvaloralo é un recurso dialéctico nesta polémica, aínda que eu diría que contraditorio nun lingüísta.

Particularmente, nin teño capacidade para entrar no debate, atendo a tantas cousas e non son especialista en nada, nin teño unha posición segura que defender. Moléstanme os trazos infantís e tamén autoritarios nas argumentacións críticas ao discurso establecido, mais non me vou identificar coa suficiencia e a arrogancia do establecido, que certamente é un relato parcial por patriarcal, clasista e construído desde os centros de poder.

Recoñezo que me guío por intuicións de carácter moral fundamentalmente e atendo onde hai unha causa que merece un respecto, unha comprensión ou unha defensa. E neste caso intúo que probábelmente as posicións de Villanueva sexan as máis razoadas e sensatas e que, con todo iso, ben pode ser que eu sinta que deba atender, comprender e aceptar máis ou menos as reivindicacións de quen cuestiona a Historia.

A esa intuición guíame ver tamén desde que posicións e en que medios se defende o seu discurso, porque as posicións de Villanueva e a súa voz é amplificada desde todos os medios. E, por non ser cínicos ou parvos, non esquezamos que as relacións sociais son relacións de poder e nestes debates tamén se defende dunha parte e doutra as posicións que se detentan ou que se pretenden alcanzar.

Crioume o Humanismo que, dun modo ou outro, sobreviviu baixo o franquismo mais entendo que o proceso de crítica interno é parte dese Humanismo, como nos aprenderon algúns filósofos alemáns no século XX, e aínda considerándome persoa conservadora non quero sentar na poltrona da autosuficiencia.

Ao final, tras o combates, case sempre verifícase o que dicía Disraeli, “ finalmente, todas as cousas acaban compoñéndose máis ou menos mal.”

Comentarios