Blogue | E eu que sei

Sobre o crime do 'Garabelo'

Olla un cara atrás e encontra momentos nos que a vida puido ir cara un lado ou cara outro. Tamén nas decisión profesionais e artísticas, decisións que se tomaron e conduciron cara un lado e decisións que se poderían ter tomado e non se sabe cara onde terían levado. 

Lembro que eu rexeitei unha proposta ben consistente editorialmente para escribir sobre un sucedido en Gomesende na parroquia de Ferreiros, concello de Pol. A editora concretoume unha proposta razoabelmente pagada e coa promoción da obra detallada e o tema era claro, un veciño matou a outros catro porque lle cortaron uns carballos. 

Como entón escribir era o meu traballo considerei a proposta, pois con frecuencia hai propostas que se nos fan que espertan o noso interese como escritores e nos motivan. E, ademais, eu escribira uns anos antes "Land Rover", que contaba unha historia que tiña que ver con ese mundo de crimes tremendos e ás veces tráxicos. Interesábame o acordo económico pola seguridade de calquera traballador autónomo mais finalmente afrontei o evidente desgusto da miña editora e rexeitei a oferta. Non teño a certeza mais penso que me neguei por dous motivos importantes, un era que se quería escribir ben e con verdade non abondaría que fose ao lugar a reconstruír os feitos coa veciñanza senón que tamén tería que establecer un contacto co autor dos feitos, daquela preso. E era moi consciente de que iso non é algo intrascendente, se el aceptaba falar comigo e contar a súa versión iso supuña establecer un vínculo persoal, e eu non desexaba ter esa relación cunha persoa que presumía moi escura. Non é parvada ningunha. 

E o outro motivo importante, o crime en si era inevitábelmente interpretado a través do prisma establecido no imaxinario español como un suceso "en la Galicia profunda, esa región tenebrosa, atrasada y extraña donde ocurren cosas fabulosas, etc". Tanto tiña o que eu escribise achegándome coa maior sinceridade e abertura de criterio aos feitos, ás persoas e ao lugar, o interese evidente da miña editora e o interese posíbel do público viría de aí e así sería promocionado o libro. Sería abundar no imaxinario colonial que nos teñen feito, e que moitos asumen aquí. 

E así pois non quixen saber do Garabelo.

Cando lembrei aquel episodio busquei polo suceso na rede e encontrei que o tal  Marcelino Ares Rielo, "O Garabelo", acabou saíndo do cárcere e vivindo e casando pola provincia de Madrid e morrendo alí. 

Nas ideas previas que eu tiña estaba que a xente de fóra non pode comprender a relación que aquí podemos ter co lugar e coa terra, son antropolóxicamente distintos e con actitude condescente ou desprezativa. E por iso non poderían comprender as pulsións do Garabelo por defender uns carballos nun terreo que estaría unido inextricábelmente coa súa identidade. Iso pensaba eu. 

Mais fun lendo que resulta que aqueles carballos e aquel eido non era herdado da súa familia ou cousa así, non lle viña da casa, senón que houbera por alí a chamada "concentración parcelaria" e ese terreo fora antes dun veciño seu e que no reparto e reacomodo das terras correspondéralle a el a cambio doutras Quero dicir que aqueilo era un ben con valor económico sen máis, non había unha ligazón íntima ou afectiva cos tales carballos. 

E resulta que o que foi torar os carballos, cun madeireiro e o seu fillo e mais un veciño, era o anterior propietario e que, ademais, o propio Garabelo dixéralle que non tiña problema en que os cortase. Todo iso contradicía ás miñas ideas previas. 

E, aínda por riba, vexo que o Garabelo quixo escribir el o seu libro e publicouno. Agora teño a curiosidade por lelo. 

De modo que non foi exactamente un "crimen gallego" senón cousa máis común. Seique o paisano era un criminal e matou a catro porque lle petou e era moi macho e tal. E ademais logo estaba ufano do que fixera e contouno nun libro. 

Pode que de calquera maneira fose mellor que non me metese a escribir o libro pois, motivado polo meu afán de negar o estereotipo de que somos uns salvaxes por natureza, pode que acabase intentado comprender ao ghicho e, dese modo, explicalo e xustificar dalgún modo a un simple canalla como hai tantos por aí, mesmo na provincia de Madrid. 

Nunca se sabe de todo se facemos ben nas nosas decisións. Calquera sabe cara onde me tería conducido escribir aquel libro tanto desde o punto de vista profesional como desde o punto de vista literario. Con todo, teño a intuición de que fixen ben.

Comentarios