Blogue | Días sen gloria

Ribadavia, Gramsci e o teatro nacional popular

A Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia escolleu, na súa edición deste ano, vertebrar a súa programación arredor do concepto de “marxe”: o que se marxinaliza, o que queda nos bordos do discurso hexemónico, transformouse en protagonista da actividade escénica da Mostra. No centro, un espectáculo titulado, precisamente Margem, que adapta a novela de Jorge Amado Capitães de Areia para falar da violencia que rodea as vidas dos menores internados en institucións de acollida, cuns versos de Bertolt Brecht na cabeza: “Do rio que arrastra todo dise que é violento./ Mais ninguén chama violentas/ as marxes que o comprimen”. 

A equipa formada polo director e coreógrafo Victor Hugo Pontes e a dramaturga Joana Craveiro logra nesta obra -a través do retrato dunha mocidade expulsada do sistema- poñer en escena a pobreza e as desigualdades que persisten nas sociedades presuntamente avanzadas do chamado “primeiro mundo”. Craveiro entrevistou a adolescentes da Casa Pía de Lisboa, unha institución que acolle a menores orfos ou de familias disfuncionais, e atopou moitos paralelismos coas experiencias dos protagonistas da novela de Jorge Amado, nenos e mozos abandonados que viven nas rúas de São Salvador de Baía e que conviven nun lugar periférico e inhóspito da cidade. Todos eles son xente nova á que se lle negou educación, alimentación, amor, familia, futuro. Mediante técnicas do chamado teatro documental, a compañía trae ao presente a novela de Amado, actualizándoa, recontextualizando o seu argumento e, en definitiva, logrando que a denuncia e a empatía se unan nun espectáculo tan fermoso como arrepiante. 

'Margem', da compañía Nome róprio, en Ribadavia. (Foto: Rosiña Rojo / MIT Ribadavia)
'Margem', da compañía Nome róprio, en Ribadavia. (Foto: Rosiña Rojo / MIT Ribadavia)

Non é a primeira vez -e probabelmente non será a última- que a Mostra de Ribadavia lle outorga un papel principal ao teatro documental, unha forma escénica que afunde as súas raíces na tradición brechtiana -aínda que con antecedentes na obra de Piscator- e que foi teorizado na década de 1960, especialmente polo dramaturgo Peter Weiss. Desde os anos 90 do século pasado, o teatro documental rexurdiu nos escenarios europeos tratando cuestións históricas, políticas, biográficas, culturais... e ensaiando novas formas dramatúrxicas que, con maior ou menor éxito, mesturan o testemuñal co ficcional para, en palabras de Weiss, mostrar “non xa a realidade momentánea, senón a copia dun fragmento de realidade, arrincado da continuidade viva”. 

As dramaturxias que xorden deste prurito de levar a realidade ao escenario son moi variadas, mais, se cadra, o nexo que as une é máis de natureza teórica que dramatúrxica, e talvez debería relacionarse directamente co concepto gramsciano do nacional-popular. Gramsci -enfrontado a un dos planos teóricos máis polémicos do socialismo, o das relacións entre intelectuais e pobo-rexeita tanto a produción artística que se aparta do popular como o populismo que ve na produción do pobo un reino incontaminado. “O pobo”, escribe, “non é unha colectividade homoxénea de cultura”; a súa visión do mundo non é “elaborada nin sistemática” e nela conviven estratos “fosilizados”, conservadores e reaccionarios, con outros “creadores e progresivos”, que están en contradición coa moral das clases dirixentes. 

O que Gramsci propón como proceso de construción dunha “vontade colectiva nacional-popular”, é a necesidade dun nexo entre unha cultura “moderna, laica e científica” e os núcleos de “bo sentido” integrados na contraditoria cultura popular. É dicir, o traballo dun intelectual orgánico que estruture politicamente o “sentido común” popular. 

Este sería o caso de Margem, no que os testemuños deses adolescentes abandonados son organizados en diversas mediacións: a novela de Jorge Amado, a dramaturxia de Joana Craveiro e mesmo a coreografía de Victor Hugo Pontes, que emprega un alfabeto tomado das danzas urbanas manexadas polos protagonistas da historia. 

A aplicación no teatro galego desta mediación do “intelectual orgánico” sobre o popular puido comprobarse uns días despois na mesma Mostra de Ribadavia, na función de A lúa vai encuberta, de Manuel María, posta en escena polas compañías Incendiaria e A Quinta do Cuadrante. Neste caso, existe unha dupla intervención sobre unha historia que enfía os retos políticos e culturais da Galiza na batalla por recuperar a súa identidade: a do texto de partida elaborado por Manuel María e a dos compoñentes das dúas compañías, que traen ao presente ese relato interrogándose -e interrogándonos- sobre a súa propia ignorancia da historia deste país. 

Manuel María coñecía os mecanismos do primeiro teatro documental da década de 1960 e aplicou aquela estética á realidade galega. As ferramentas do teatro máis actual que se achegan á realidade desde o documento, resultan plenamente coherentes con aquela primeira aproximación e demostran unha sorprendente capacidade de intervención, desde parámetros contemporáneos, para transformarse nun discurso contrahexemónico que afonde nesa procura do nacional popular. 

Arredor desa busca, desde logo, xorden as máis variadas propostas estéticas que a materializan na escena. Os festivais, cando non se converten nunha desas franquías que repiten as mesmas obras en calquera parte e en calquera circunstancia, serven tamén para mostrar esas dramaturxias que poden fecundar e proporcionar novas perspectivas ao teatro feito na Galiza: é o caso de Margem na MIT Ribadavia, un dos pouquísimos lugares onde se pode ver unha programación internacional digna de tal nome. Ese labor de difundir propostas que enriquecen a mirada de público e creadores merecería unha maior atención por parte de todas.

Unha escena de 'A lúa vai encuberta', de Incendiaria e A Quinta do Cuadrante. (Foto: Rosiña Rojo / MIT Ribadavia)
Unha escena de 'A lúa vai encuberta'. (Foto: Rosiña Rojo / MIT Ribadavia)

Comentarios