Blogue | Malalingua

Mudar de lingua doe

Dedicado as alumnas e alumnos de Marga do Val, estímulo do blogue, no desexo de que un día sintan a necesidade de abrazar a nosa lingua.

Vaite afacendo á idea de que a túa filla mudará de lingua”. Con esta resignación comezan todos os relatos de nais e pais de crianzas xa grandiñas que sufriron na escola a presión do castellano na escola. Quen criou en galego a súa filla e o seu fillo sabe que ao chegar á escola imponse o castellano e regresan a casa falándollo mesmo á familia.

Esta fin de semana en Allariz analizamos esta situación cun pedagogo, un mestre e con nais e pais que quixeron contarnos as súas experiencias. Houbo experiencias de suceso e houbo experiencias amargas, non exentas de moita emoción por quen se atreveu a poñer o dedo na chaga, a abrir a ferida, a poñerlle nome á inxustiza.

Un relator que non nos deixou indiferentes foi Miguel Rodríguez Carnota, autor de Lingua, poder e adolescencia, que puxo o foco no acoso que sofren as raparigas e rapaces galegofalantes ao seu paso polo ensino secundario, acoso que non está contemplado como tal nos plans de convivencia nin está espertando as alarmas entre os orientadores escolares. E sentenciou “Doe ter que mudar de lingua” para visibilizar o trauma que supón para quen renuncia a expresarse en galego de forma habitual e normalizada no instituto.

Sánti Quiroga, pedagogo e coordenador nacional das escolas Semente, fixo un interesante relatorio sobre as etapas evolutivas das crianzas e partillou estratexias lingüísticas para nais e pais.

Escoitamos nais e pais falar de acompañamento e comprensión, de socialización e da defensa da legalidade nas aulas.

Aí vou eu, á defensa da legalidade nas aulas. O Decretazo serviu para desterrar das aulas definitivamente o galego en beneficio do castellano. Serviu para prohibir impartir en galego as matemáticas e outras materias de ciencias. Serviu para afortalar os prexuízos contra o galego. E sobre todo serve para recubrir de impunidade aqueles docentes que, debendo impartir a súa materia en galego, non o fan. As crianzas rematan o ensino obrigatorio sen competencias orais e escritas en lingua galega, sen saber expresarse en galego. A inspección educativa non se alarma. A escola converteuse nun factor de desgaleguización daqueles pequenos que entran falando galego. O sistema educativo está fallando nos seus obxectivos: contribuír a superar o desequilibrio histórico no que está o galego para crear unha sociedade máis igualitaria e libre.

Como nais e pais, como avós e avoas, como sociedade preocupada polo seu futuro non podemos ficar resignadas a que as nosas crianzas perdan a nosa lingua, a lingua en que os agarimamos.

Teñámolo presente: tras un incumprimento en cada aula agóchase unha inxustiza, un furtarlle a oportunidade ás nosas crianzas de valorizar a nosa lingua, de aprender nela.

Por iso dende A Mesa recollemos a luva que nos lanzaron nestas xornadas: servir de canle para a organización de nais e pais que desexan que as súas fillas e fillos vivan na nosa lingua con normalidade, poñer o foco nos incumprimentos da impartición de materias en galego. A sociedade non pode seguir mirando para outro lado mentres baixa a porcentaxe de galegofalantes, mentres desce o número de adolescentes que teñen o galego como lingua habitual.

E hai esperanza porque cada vez somos máis familias que educamos en galego de forma consciente e preocúpanos que as nosas crianzas perdan a lingua. Dende A Mesa facemos un chamamento: nais e pais, unídevos a Familias polo Galego, un colectivo –vinculado á Mesa pola Normalización Lingüística– constituído por un grupo de persoas preocupadas pola inexistencia de oferta educativa en galego e polo escaso valor social que segue a ter a nosa lingua. Isto implica a imposibilidade de escolarizar e socializar as nenas e nenos galegos na súa lingua.

O obxectivo fundamental de Familias polo Galego é conseguir o respeito dos dereitos lingüísticos das nenas e nenos galegos nunha etapa decisiva na adquisición e na consolidación do idioma. Como galegos e galegas, desexamos ofrecerlles aos nosos fillos e fillas unha educación e unha primeira aprendizaxe na nosa lingua e a posibilidade de poder utilizala con naturalidade.

Comentarios