Blogue | Malalingua

Escrituras notariais en galego, vaia excentricidade

Lembraba hai uns días Carlos Callón que foi en 1480 cando impuxeron aos aspirantes a escribáns a obriga de se examinaren en castellano.

Até entón a lingua das notarías en Galiza foi o galego con absoluta normalidade. Despois comezou o proceso de substitución da lingua galega nos documentos públicos que dura até os nosos días.

Aínda hoxe segue a considerarse unha excentricidade o exercicio do dereito a solicitar a nosa escritura en galego, a pesar de estar recollido no Regulamento da Organización e Réxime do Notariado.

O artigo 149 do Regulamento do Notariado establece que as escrituras se redactarán na lingua oficial que os outorgantes acorden, e só no caso de discrepancia entre os outorgantes respeito da lingua na que debe redactarse o documento se deberá redactar este nas linguas oficiais existentes no lugar de outorgamento. E engade que as copias se expedirán na lingua oficial interesada polo solicitante.

A pesar da clareza da norma, vou poñer un exemplo. Ao momento de formalizarmos un contrato compravenda hai dúas partes: a vendedora e a compradora. Calquera delas pode solicitar na notaría que a escritura se redacte en galego. Se a outra parte non estivese de acordo, o documento redactaríase nas dúas linguas e expediríanse cada copia na lingua oficial da solicitante.

Na práctica estamos a constatar a existencia de moitas notarías que se negan a redactar unha escritura en galego baixo mil pretextos. Cando aludo ás notarías non me refiro necesariamente aos notarios, senón tamén ao seu persoal. Ignoro que instrucións imparte a este respeito o notario en cada notaría, mais pola súa condición de titulares e responsábeis desta, deben saber que están vulnerando a lexislación cando na súa notaría se lle contesta a un cliente que “non están capacitados para atender tal petición”, que “en galego vai tardar máis tempo” ou directamente se lle nega a existencia de tal dereito.

Hai que recalcar que as notarías prestan un servizo público, e así como non poden negarse a redactar un documento en galego, a opción lingüística tampouco é negociábel nin penalizábel. Polo tanto non se trata de buscar outra notaría na que atendan a petición, como se se tratase dunha tenda que carecese dun produto e nos vísemos na necesidade de seguir buscando: son as notarías as que teñen obriga de prestar o servizo.

Por iso debemos manternos firmes na nosa exixencia, solicitar falar directamente co notario e, se fai falta, interpoñer unha queixa ante o Colexio Notarial de Galiza, ben pola negativa rotunda, ben cando pretendan eludir a súa obriga coa escusa de teren que mandalo traducir aos servizos lingüísticos da Xunta, pois están penalizando cunha demora inxusta a quen demanda o servizo en galego. En calquera dos dous supostos estariamos ante unha discriminación por motivo de lingua, porque formalmente temos dereito a sermos tratados en igualdade con quen quere a escritura en castellano, que na práctica son tratados de forma privilexiada.

Que logo de décadas de educación regulada en galego se alegue sen rubor que as notarías non dispoñen de persoal capacitado para redactar un documento en galego é síntoma do lonxe que estamos da normalización do galego na sociedade. E de que os dereitos legalmente recoñecidos dos galegofalantes poden ficar en papel mollado.

Como son contadas as veces que acudiremos á notaría, por unha herdanza, unha compra ou unha hipoteca, convén termos sempre presente o noso dereito a decidir a lingua do documento notarial e que non nolo arrebaten.

Este desprezo polo galego que padecemos en moitas notarías de Galiza vai parello ao concepto de analfabetos polo que nos teñen ao resto. Son firme defensora de que as notarías faciliten previamente os borradores dos documentos aos outorgantes antes de asinar ante o notario, xa non só para asegurármonos de que se outorgará na lingua por nós solicitada, senón tamén para comprobar que non adoece de erros, pois lamentabelmente é habitual ter que regresar ao cabo duns meses á notaría para unha subsanación dos mesmos.

Fronte á condición de súbditos analfabetos de outrora, hoxe somos cidadáns que sabemos ler e interpretar unha escritura notarial para comprobar se os datos son correctos. E hoxendía se nunha notaría non saben escribir en galego, os analfabetos non somos nós.

Con optimismo tamén afirmo que cada vez son máis as notarías que atenden a petición con respeito e eficacia. Polo xeral son notarios con outro talante, cun elevado sentido do que significa o servizo público que prestan, caracterízandose por se faceren comprender ao momento do outorgamento da escritura e que dignifican a profesión de fedatario público. Habelos, hainos.

comentarios