Blogue | Coitelo Afiado

Vés de ruta gastronómica?

Gostas da gastronomía? Do bo (e ás veces non tanto) comer? Queres descubrir locais hostaleiros pouco coñecidos? E revisitar aos que xa controlas? E riscar da listaxe de restaurantes pendentes os que non recomendo? Se a resposta é si, colle asento e non perdas as entradas deste blogue, onde relatarei todos e cada un dos pratos -copas e cuncas tamén- de restaurantes, bares e furanchos de distintos puntos da Galiza e do norte de Portugal.

Faralo da miña man, coas fotografías tiradas por min e coas descricións das viandas e dos lugares visitados. Súmate a esta ruta gastronómica!

Comezamos!

Facémolo en Sistelo. Un recuncho marabilloso do norte de Portugal que pertence ao municipio de Arcos de Valdevez. Esta aldea-monumento, cunha orografía que lle confire unha paisaxe en socalcos, sitúase no Parque Nacional da Peneda do Gerês.

Fuxo das comparacións manidas ás que recorren medios de comunicación ao estilo “La Venecia gallega”, “El Versalles gallego” ou “El Silicon Valley gallego”, mais teño que dicirvos que hai quen se refire a este lugar como o Tibet portugués. Non tiven o pracer de coñecelo, mais adianto que non diría tal.

Imaxes de Sistelo
Imaxes de Sistelo

Existen varias opcións onde comer en Sistelo, mais eu escollín a Tasquinha “Ti” Mélia, unha taberna rural, acolledora, de pedra, cunha agradábel terraza nos meses de verán. E non errei. Comezamos coa bebida: amais da áuga natural, optei por un Douro reserva, seis meses de crianza en barricas de carballo francés: o Flor do Côa, con corpo, persistente e unha relación calidade-prezo boa. Ten touriga nacional e franca, tinto Cão e Sousão. Acompañado, obviamente, de aceitonas. Ben boas. E pan con manteiga, que sempre se agradece. Semella que en Portugal, ten un outro sabor, ao igual que as olivas.

Botella de viño Flor do Côa
Botella de viño Flor do Côa

Optei, neste caso, por filetes de bacalhau, e podo dicir que non atinei. Estaba saboroso e fresco, se ben non era esta a opción acaída para degustar o peixe. Viña rebozado en ovo e fariña, con patacas cocidas. Como era para partillar -pedín meia dose de cada-, tiven sorte, pois o outro prato era un filete de cachena tenro. Tanto, que resultaba tan suave como a manteiga da entrada. Pasado á grella -realmente selado e pouco feito-, permitía apreciar o sabor intenso da carne, que viña acompañada con arroz de feijão, tamén exquisito.

Filetes de bacalhau; Cachena; Arroz con feixóns
Filetes de bacalhau; Cachena; Arroz con feixóns

Admito que, a pesar de ser eu de bo comer -ídem a persoa que me acompañaba-, coñezo ben o tamaño e calidade das racións -ou doses- dos locais de xantar portugueses. E acertei pedindo media de cada. De feito, non nos atrevemos nin coa sobremesa. Tan só dous cafés.

Non lle tirei fotografía ao ticket mais recoméndovolo de maneira encarecida, porque foi unha grande escolla atendendo ao tamaño e calidade das medias racións e ao viño.

As fotografías son bastante ruíns -as da comida-, mais non era a miña intención abrir este blog. Prometo un maior coidado nas próximas entregas. Para o compensar, achego imaxes da paisaxe que viste o río Vez.

Que aproveite!

Comentarios