domingo 24/01/21

A Xustiza obriga a CRTVG a readmitir un traballador

O ente público deberá readmitir e indemnizar a un traballador que non quixo renunciar ás súas vacacións
Plató da CRTVG. (Foto: Arquivo)
Plató da CRTVG. (Foto: Arquivo)

A Xustiza vén de condenar a Corporación Radio e Televisión da Galiza (CRTVG) a readmitir, restituír os salarios e indemnizar por danos un traballador por vulneración de dereitos fundamentais. Así o recolle a Central Unitaria de Traballadores (CUT) nas súas redes sociais, nunha publicación na que cualifican a sentenza de "boa nova" xudicial, ao tempo que denuncian que a condena non fai senón evidenciar "o abuso que exerce a CRTVG sobre as e os traballadores con contratos máis precarios, os de prácticas, aos que cada día acode máis a empresa para paliar a ausencia dun cadro de persoal suficiente para desenvolver as tarefas estruturais".

Segundo relatan no perfil da CUT, o traballador é un compañeiro especialista de montaxe, que levaba un ano co primeiro contrato en prácticas, "que sempre se prorroga outro ano máis".

Cando estaba a piques de chegar a data de renovación para o segundo ano, que coincidiu co inicio da pandemia, o seu coordinador propúxolle, sempre segundo o relato do sindicato, que cambiase o seu período de vacacións, xa que a pandemia obrigara a suspender varios eventos deportivos e non o necesitaba nese momento. 

Ao parecer, o traballador argumentou que non lle ía ben cambiar as vacacións que xa tiña programadas e autorizadas.

Como represalia automática, o superior xerárquico comunicoulle a relacións laborais que non quería renovarlle o contrato para que traballase ese segundo ano, como é normal e habitual na CRTVG, contan desde a conta da CUT. 

Vulneración de dereitos

O traballador, ante estes feitos, puxo unha demanda por vulneración de dereitos fundamentais, o que iniciou un procedemento xudicial que concluíu a pasada sexta feira coa publicación da sentenza, que condena a CRTVG por despido nulo, obriga a empresa pública á readmisión do traballador (o segundo ano de contrato remataría en marzo de 2021), así como ao pagamento dos salarios que o compañeiro deixou de percibir desde marzo até agora, e ao pagamento dunha indemnización por danos morais de algo máis de 6.000 euros. 

Desde o sindicato apuntan que o compañeiro se incorpora xa esta fin de semana, no seu horario anterior ao despido, ao seu posto de traballo. 

comentarios