A Xustiza obriga a compañía Enaire a retirar sancións a dúas delegadas da CIG que buscaban "impedir a actividade sindical"

"As sentenzas demostran que a empresa pretendeu converter nun conflito persoal o que era en realidade un conflito laboral e sindical", valoran desde a central sindical.
Enaire é a compañía pública xestora da navegación aérea no Estado español. (Foto: Enaire)
photo_camera Enaire é a compañía pública xestora da navegación aérea no Estado español. (Foto: Enaire)

Os xulgados do social 1 e 2 de Santiago de Compostela veñen de emitir senllas sentenzas nas que deixan sen efectos dúas sancións moi graves da compañía Enaire a dúas traballadoras que exercen como delegadas sindicais, segundo informa a CIG.

Nun comunicado, o sindicato sostén que estas traballadoras "levaban anos sufrindo todo tipo de presións laborais e persoais" por parte da empresa pública Enaire para impedir a súa actividade sindical como delegadas desta central no aeroporto de Santiago.

"Nas sentenzas queda demostrado que a empresa pretendeu converter nun conflito persoal entre as traballadoras e os seus responsábeis o que era en realidade un conflito laboral e sindical que durante anos deixou á CIG sen poder representar ás traballadoras e traballadores deste centro de traballo", sostén a central sindical.

O representante da FGAMT-CIG en Santiago de Compostela, Inácio Pavón, denuncia a cantidade de recursos económicos que a empresa destinou a "esta montaxe", para o que mesmo sacou un concurso público para a contratación dun despacho de avogados, peritaxes psiquiátricas e todos os procedementos e demandas xudiciais que realizou.

En xuño de 2021, Enaire abriu expediente contra estas dúas traballadoras, delegadas da central sindical, porque segundo a empresa, 100% pública e dependente do Ministerio de Transportes, acosarían os seus responsábeis no departamento de recursos humanos.

Unha acusación que a CIG cualificou no seu momento de "absurda", ademais "de extrema gravidade" porque podería terminar no despedimento destas empregadas.

Comentarios