FOLGA URBASER

A xustiza de Lugo tomba os servizos mínimos de Orozco

O xulgado suspende o decreto aprobado polo concello en relación coa folga do lixo.

Lugo
photo_camera [Imaxe CIG-Lugo]

Novo revés para o Concello de Lugo. O xulgado da cidade amurallada declarou a suspensión do decreto polo que se estabelecían uns servizos mínimos do 100% na folga do lixo. O auto xudicial, ditado esta sexta feira, adopta esta "medida precautoria" e atinxe as costas do "incidente" ao propio goberno municipal que terá que deseñar un outro decreto nos vindeiros días. 

Após 54 xornadas de folga do cadro de persoal de Urbaser, a xustiza dá a razón @s traballador@s e coida que os servizos mínimos exixidos polo executivo lugués non se axustan a dereito. Desde o comité de folga presentaran unha demanda xudicial perante unha decisión que consideraron "abusiva" e vulneradora do dereito a folga. Porén, @s obreir@s decidiran en asemblea darlle cumprimento para evitar o xurdimento de riscos sanitarios na cidade.

Pola súa banda, a asemble de operari@s de Urbaser mantén o paro --que está a piques de cumprir dous meses-- e continúa co calendario de mobilizacións. Esta mesma mañá, representantes do comité de folga e d@s traballador@s concentráronse ás portas da Casa consistorial para exixir que o Concello de Lugo tome cartas no asunto e contribúa a procurar unha solución negociada ao conflito. 

Até o momento as mesas de negociación non obtiveron resultados e mantéñense sen acordo coa mediación do Consello galego de relacións laborais. Desde o cadro de persoal rexeitan calquera acordo que non inclúa a reincorporación do persoal despedido e a retirada dos expedientes sancionadores abertos ao comité de folga. 

Comentarios