A Xustiza golpea de novo os falsos autónomos de Frigolouro

Un xulgado de Lugo recoñece a relación laboral con Frigolouro de 105 persoas que traballaban nas instalacións de Novafrigsa, ambas as dúas empresas do Grupo Coren.
2016 08 06 ManifaServicarneFrigolouroPorrinho01.grande
photo_camera 2016 08 06 ManifaServicarneFrigolouroPorrinho01.grande

O Xulgado do Social número 1 de Lugo vén de recoñecer nunha sentenza a relación laboral con Frigolouro de 105 traballadores que prestaban servizos como falsos cooperativistas nas instalacións de Novafrigsa, en Lugo, dúas empresas pertencentes ao Grupo Coren.

Segundo constata a sentenza, as persoas empregadas facían o seu traballo como supostas cooperativistas de Servicarne, sociedade que a Administración do Estado xa descualificou como cooperativa, aínda que este caso está en estudo pola Audiencia Nacional.

Frigolouro alegaba que a relación das persoas empregadas era "mercantil" con Servicarne, que "é unha cooperativa real con ampla bagaxe na actividade das cárnicas", defendía.

Con todo, a xuíza confirma que estas 105 persoas actuaban non como falsos autónomos, senón como traballadores de Frigolouro na planta de Novafrigsa de Lugo por varios motivos. Un deles é que "a alternativa" que se lles deu a facerse cooperativistas foi "ser despedidos".

"Os socios cooperativistas que declararon na acta (de inspección) e na vista (do proceso xudicial) non querían realmente pertencer á cooperativa, pero derívaselles a esta opción se queren traballar en Frigolouro", recalca a sentenza.

Tamén recolle que estas persoas "se sentiron sempre traballadoras de Frigolouro, aínda que formalmente sexan autónomas e que ningunha relación tiveron coa cooperativa senón a través da coordinadora, que perciben como unha xefa máis que non dá ordes directas".

A xuíza argumenta que estas persoas "non participan nas decisións" de  Servicarne "como calquera outra  cooperativistas, polo que funcionan como verdadeiras empregadas laborais" aínda que "sen todos os dereitos sociais" que teñen aparellados.

"No fondo os cooperativistas son peóns operativos en que por unha banda está quen lles marca a produción, que sería  Frigolouro, e por outro quen lles paga a nómina, que sería  Servicarne", resume a xuíza para considerar "probada" a fraude.

Por todo iso, a sentenza estima a demanda presentada pola Tesourería Xeral da Seguridade Social e secundada por CCOO para declarar de "natureza laboral" a relación entre estas 105 falsos cooperativistas e Frigolouro. O fallo non é firme e contra el cabe recurso ante a Sala do social do TSXG.

Comentarios