A Xunta recorta o orzamento aos centros de menores mentres exixe máis persoal

O prego de condicións público mingua no 17% a asignación orzamentaria para o vindeiro ano ao tempo que exixe un 10% máis nos cadros de persoal.

Fundación Diagrama
photo_camera [Imaxe Fundación Diagrama]

O 15 de xullo a Xunta de Galiza, através da Consellaría de Traballo e Benestar Social, publicou os pregos de condicións para proceder á selección de entidades privadas sen ánimo de lucro que se encargarán da xestión dos centros de internamento para menores que cumpren medidas xudiciais de privación de liberdade de medio aberto ou permanente

Após coñeceren as condicións en que se producirá a concesión, as centrais sindicais CIG, CC.OO e UGT, lanzaron un comunicado de imprensa conxunto no que alertan do "evidente risco de importantes reducións na calidade da atención aos menores" así como "das condicións laborais dos profesionais encargados" da intervención educativa integral dirixida ás persoas internas. 

E é que, a Xunta de Galiza impón un recorte do 17% das partidas orzamentarias asignadas aos centros para atención de menores, en relación co concurso de 2011. Neste senso, pasan dun investimento de 217 euros por praza e día a 180,89€. Porén, aumenta as exixiencias a respeito do número de persoas educadoras contratadas de 29 a 32 profesionais, isto é, o 10%. 

Segundo denuncian as centrais sindicais os plans do goberno galego supoñen unha involución que sitúa as condicións dos centros de menores nas estabelecidas en 2002 para a xestión do Centro Concepción Arenal da Coruña, "o que dá unha idea da temeraria asignación orzamentaria", critican. 

A Xunta prevé recortar o 17% do orzamento nos centros de menores ao tempo que exixe un aumento no número de persoas educadoras contratadas, de 29 a 32

Na Galiza existen 3 centros de internamento, para alén do da Coruña, o de Monteledo e o de Montefiz, ambos os dous en Ourense. Deles, dous son de xestión privada e unicamente de carácter público. 

Da mesma maneira acontece cos centros de medio aberto nos que a redución das partidas orzamentarias supón o 19% a respeito do pasado ano, pasando de 580.000 euros anuais a 470.000€ embora exixir duplicar o número de profesionais en Psicoloxía. 

"Calquera pode comprender que cunhas mermas do presuposto tan elevadas, nos atopamos perante un evidente risco", denuncian, que atinxirá a "calidade da atención aos menores que se ven obrigados a cumprir algunha medida xudicial, así como das condicións laborais dos profesionais encargados de executar tales medidas xudiciais". 

"Calquera pode comprender que cunhas mermas do presuposto tan elevadas, nos atopamos perante un evidente risco" que atinxirá "a calidade da atención aos menores"

Desde CIG, CC.OO e UGT lembran que a Xunta de Galiza, de efectivizar as condicións previstas nos pregos, estaría a incumprir as "súas propias leis, como a 13/2008 de servizos sociais de Galiza que estabelece no artigo 25 que as administracións públicas promocerán a calidade no emprego e a estabilidade laboral das persoas profesionais dos servizos sociais como criterio avaliábel no acceso ao financiamento público". Aliás, sinalan, "tampouco atende ao informe do Valedor do Pobo de 2014" cando fixa a "obriga de priorizar o investimento en máis e mellores recursos para permitir unha adecuada intervención re-educadora e socializadora en menores que cumpren medidas de intermaneto". 

As tres centrais sindicais denuncian, asemade, que malia levaren "semanas tentando falar cos responsábeis da administración para atopar respostas" só recibiron "a negativa ás solicitudes, non podendo así alertar das enormes problemáticas que se aveciñan". 

Comentarios