mércores 27/01/21

A Xunta procurará unha mediación "inmediata" no conflito de Alu Ibérica

O comité de empresa de Alu Ibérica na Coruña e a Xunta inciden na necesidade de que Industria sente as partes a unha mesa de diálogo.
O presidente do comité de Alu Ibérica na Coruña, Juan Carlos López Corbacho, xunto ao conselleiro Francisco Conde (Foto: Europa Press).
O presidente do comité de Alu Ibérica na Coruña, Juan Carlos López Corbacho, xunto ao conselleiro Francisco Conde (Foto: Europa Press).

O conflito entre o persoal traballador e a dirección da planta de Alu Ibérica na Coruña medrou en intensidade nos últimos días, con acusacións cruzadas e o inicio dunha folga indefinida por parte das e dos traballadores.

Hoxe, o comité de empresa da factoría coruñesa mantivo unha xuntanza co vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Francisco Conde, que se comprometeu a mediar "de forma inmediata" no conflito. 

Neste senso, após a reunión, o conselleiro subliñou o "compromiso claro" do Goberno galego para lograr unha "solución" non só en relación ao despedimento dunha traballadora senón no concernente ao "día a día" e á xestión "ordinaria" da fábrica.

Pola súa banda, o presidente do comité, Juan Carlos López Corbacho, incidiu no despedimento "completamente inxusto e ilegal" dunha compañeira para a que piden a súa reincorporación. "Pedimos mediación da Consellaría para que tome cartas no asunto", apuntou.

Segundo sinalou o representante das e dos traballadores, as relacións coa dirección están "rotas", e pediu unha "solución industrial" para unha factoría "á deriva" case ano e medio despois da venda de Alcoa a Parter. "Estamos case peor que hai 17 meses", alertou.

Ao seu xuízo, é preciso abordar o actual contexto nunha mesa co Ministerio de Industria, algo no que coincidiu o conselleiro, quen, "despois de ano e medio de incertezas e falta de concreción", opinou que "o primeiro paso ten que ser trasladar certezas para que a partir de xullo poida haber unha continuidade da actividade industrial e dos postos de traballo".

O titular de Economía precisou que, no que ten a ver co conflito laboral, a intervención será da autoridade laboral para tratar de dar "cun punto de encontro entre todas as partes".

Mentres, desde o punto de vista industrial, incidiu en que "o máis relevante é ter esa visión clara para que Alu Ibérica poida seguir producindo aluminio primario", por iso é polo que considera que é un "momento chave para que se convoque a mesa industrial".

"A convocatoria por parte do Goberno español parécenos determinante para que se poida traballar con tempo", reiterou, antes de indicar que xa foi solicitada con "urxencia" na última reunión co departamento de Reyes Maroto. "Esperamos que sexa en breve", concluíu.

comentarios