A Xunta pasa a mans privadas os informes da sociedade da información

Os informes que miden o estado da sociedade da información xa non serán feitos desde a administración pública. A Xunta saca un concurso de máis de 100.000 euros que afonda na privatización do Observatorio da Sociedade da Información de Galicia (OSIMGA). 

.
photo_camera .

A privatización dos estudos sobre a sociedade da información vai a máis co novo concurso que a Xunta publica de máis de 100.000 euros. Os contidos que até agora estaban a ser elaborados por dous traballadores do Observatorio da Sociedade de Información e o Centro Demostrador TIC, os dous delegados de persoal, pasarán a ser realizados por unha empresa privada.

“A única explicación é que queiran ter informes a medida. Os indicadores falan de que estamos na cola da sociedade da información e, desta maneira, poden conseguir que se reflicta unha idea distinta”, explica David Santomil, delegado de persoal da CIG e un dos traballadores que até agora se encargaba da elaboración dos contidos e informes. 

Especialistas sen perfil 

A explicación que desde a administración se lle deu aos dous traballadores é que o seu “perfil” non é apto para realizar este tipo de tarefas a partir de agora. O argumento cae polo seu peso co currículo de David Santomil, que é doutor en Xeografía e Análise Territorial e especialista en Sociedade da Información. “É curioso que os dous traballadores que deixamos de desenvolver esa función somos delegados sindicais, eu da CIG e o meu compañeiro da UGT”, denuncia Santomil acerca dun servizo que se vén desenvolvendo na administración desde o 2007. “Está claro que o que buscan é privatizar por unha banda e, pola outra, conseguir informes á súa medida, sen estar elaborados por empregados públicos senón que se presten a enmascarar uns indicadores moi baixos -por múltiples razóns- no ámbito tecnolóxico”, afirma o delegado sindical. 

Gañan as empresas tecnolóxicas

O novo concurso súmase a moitos precedentes que camiñan cara á privatización do ámbito tecnolóxico, un dos últimos o do Centro Demostrador TIC para empresas que saíu a concurso por máis de 300.000 euros. A CIG denunciou xa con anterioridade a incorporación de persoal de empresas privadas a postos de dirección da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e tamén a contratación de servizos externos e asistencias técnicas para o desenvolvemento de funcións que son propias do persoal laboral público. Un dos exemplos que sinalan é a dirección na Área de Sociedade Dixital, da que depende o Observatorio, ocupada desde xuño de 2013 por persoal dunha empresa privada no canto da funcionaria que até entón ocupaba o posto. “A administración pública estase a converter no ámbito tecnolóxico nunha SL, con directivos e contratacións privadas”. Abonda con consultar o portal de licitacións para comprobar que na  AMTEGA estanse a privatizar todos os servizos TIC. O resultado é unha peor calidade dos contidos e  un maior gasto económico”, explica David Santomil, convencido de que a Xunta quere facer crer “que isto é Silicon Valley cando estamos aos niveis dos territorios periféricos nos indicadores da sociedade da información”. 

Comentarios