A Xunta insiste en manter Ence en Lourizán e acusa o Estado de "abandonar" Pontevedra

"Non semella nin serio nin xusto con Pontevedra que se abandone esa posibilidade e que se fale de novos investimentos noutros lugares sen tentar consolidar o que xa hai", di Alfonso Rueda.
Factoría de Ence na ría de Pontevedra, nunha imaxe de arquivo (Foto: Europa Press).
photo_camera Factoría de Ence na ría de Pontevedra, nunha imaxe de arquivo (Foto: Europa Press).

O vicepresidente primeiro da Xunta e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, Alfonso Rueda, mostrou esta segunda feira unha postura crítica coa ministra para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, por "abandonar" a idea de manter os postos de traballo de Ence na comarca de Pontevedra.

Así o sinalou logo de que a pasada semana, na súa visita á Galiza, a ministra apuntase a posibilidade de trasladar a fábrica pasteira de Lourizán a zonas cualificadas como de "transición xusta", en referencia á área das Pontes e a de Cerceda, afectadas polo fechamento das centrais térmicas.

"Non semella nin serio nin xusto con Pontevedra que se abandone esa posibilidade e que se fale de novos investimentos noutros lugares sen tentar consolidar o que xa hai", declarou o vicepresidente primeiro, nun acto decorrido en Sanxenxo.

Alfonso Rueda sinalou que "o primeiro que hai que tentar é que eses postos de traballo que xa existen en Pontevedra poidan ficar nesta comarca". "Primeiro hai que consolidar o que xa hai e despois tentar que novos investimentos sexan tamén na comarca onde Ence ten as instalacións", engadiu.

Máis unha vez, Rueda reiterou a súa aposta na adscrición ao porto de Marín dos terreos que ocupa actualmente Ence en Lourizán. Esta posibilidade permitiría sortear o problema creado polas sentenzas da Audiencia Nacional (AN) que anulan a prórroga da concesión de Costas a Ence na ría de Pontevedra.

Se estes terreos de dominio público marítimo terrestre se adscriben ao ámbito portuario, deixaría de serlle aplicábel a Lei de Costas e pasaría a depender directamente de Portos do Estado.

"Hai unha solución que ao Goberno estatal non lle gusta nada, nunca nos explica por que non é viábel", dixo. "Falan de antigos informes, mais hai un informe agora mesmo do Consello Consultivo que di que iso é posíbel; por tanto, exploremos esa posibilidade", incidiu.

Sentenzas desfavorábeis da AN

Cómpre salientar que o pasado mes de outubro a Audiencia Nacional emitiu o terceiro fallo contra a prórroga concedida a Ence en 2016 polo Goberno en funcións de Mariano Raxoi, que autorizaba a pasteira a ficar en Lourizán até 2073.

Ence, pola súa parte, recorreu estas sentenzas ante o Tribunal Supremo.

Comentarios