A Xunta impugna un convenio que mellora as condicións laborais en Galiza a respecto do resto do Estado

CIG cualifica de “ataque á negociación colectiva galega” o paso dado pola Consellería de Traballo, que impugna o acordo do sector de Pintura na provincia da Coruña por invadir competencias estatais.

Desemprego construción

O sindicato CIG e a patronal Apecco asinaban recentemente o convenio provincial do sector da Pintura na Coruña, o último deste ramo que existe no Estado español. A central salienta que se logrou mellorar as condicións fixadas no convenio estatal. Entre os acordos acadados, explica, está a cláusula de garantía salarial que permite que os salarios medren sempre máis que o IPC ou o artigo referido á mobilidade xeográfica que blinda os dereitos do persoal do sector desprazado a obras fóra de Galiza: anticipo de dietas, tempos de descanso mínimos no seu fogar, ou recoñecemento pleno de todos os seus dereitos, estean onde estean.

Este acordo vén de ser impugnado pola Xunta, denuncian desde a CIG. O sindicato considera ese paso un “ataque insólito á negociación colectiva galega” e convoca para esta terza feira, ás 11:00 horas, una concentración diante do edificio administrativo de San Caetano, en Compostela. “Temos moi claro que non só estamos ante a impugnación dun convenio provincial; isto supón un ataque contra o marco de negociación colectiva máis achegado ás persoas afectadas, que é o galego ou o provincia. Hoxe tocoulle ao convenio da Pintura, pero mañá pode ser calquera outro convenio", indican desde o sindicato.

Invasión

A impugnación veu após se negar a central, indica ela propia, a aceptar a exixencia de eliminar do acordo medidas que melloraban as condicións xerais do sector a pois supuñan “invadir materias reservadas ao Estado”. Para a CIG,é “ indignante que sexa a propia Consellería de Traballo, o organismo público encargado de velar pola negociación colectiva en Galiza, quen inicie unha denuncia que busca limitar e mesmo impedir a capacidade da clase obreira galega de negociar as súas condicións de traballo”.

Comentarios