A Xunta constata a nula vontade de diálogo social ao prescindir da CIG

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, lamenta que o Goberno do PP só se reúna cos que lexitiman as súas políticas
Reunión na Xunta polo diálogo social na que a CIG non estaba convidada (Foto: Xunta da Galiza)
photo_camera Reunión na Xunta polo diálogo social na que a CIG non estaba convidada (Foto: Xunta da Galiza)

A Xunta volveuno facer. A sala de reunións da Consellaría de Emprego foi hoxe escenario dunha cita á que asistiron os conselleiros de Industria, Francisco Conde; Emprego, María Jesús Lorenzana; e Facenda, Valeriano Martínez; o portavoz da patronal, Antonio Fontenla, e os líderes de CCOO e UXT, Josá Antonio Gómez e Ramón Sarmiento, e da que unha vez máis a CIG, sindicato maioritario na Galiza, volveu quedar fóra pese a tratarse dun encontro coas integrantes do chamado diálogo social. 

Como recoñeceu a Nós Diario o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, "estamos ante un novo episodio que demostra a nula vontade do presidente da Xunta de respectar a existencia de miles de traballadores e traballadoras afiliados á CIG, e delegados e delegadas, que lle dan a condición de principal central sindical do país".

Carril lembrou que recentemente o sindicato mandou ao presidente Núñez Feixoo as propostas da CIG para facer fronte á crise e por unha saída galega xusta.

Nelas instaban Feixoo a abrir, "con todas as lexítimas diferenzas", espazos de diálogo para poder afrontar unha situación "tan crítica como a que vivimos no noso país" e hoxe, como resposta, volveron ser "vítimas dunha actuación sectaria" que evidencia a "nula vontade" do presidente da Xunta de que poida haber a interlocución necesaria para procurar esa saída á crise. 

Ferramenta política

En opinión de Carril, "hai unha obsesión con crear unha ficción e unha entelequia que non ten sostén xurídico ningún", que é o que a Xunta emprega baixo o nome de diálogo social, e que "non deixa de ser unha ferramenta en mans do poder político e do poder económico para lexitimar as máis duras decisións que en materia económica, social ou laboral se estiveron e se están facendo", denuncia.

"O Goberno do Partido Popular só se reúne e só ten diálogo con aqueles que están dispostos a lexitimar as súas políticas",afirmou o secretario xeral da CIG, a quen non lle sorprende unha exclusión.

Por outra banda, lembra, "non é nova" e leva a que "teñan que xustificar máis os que cometen esas accións que os que non somos convocados, neste caso os que somos vítimas", conclúe o representante sindical.

Comentarios