A Xunta aumenta o prazo de extracción da mexilla a xuño

A Consellaría do Mar amplía o prazo e delimita as zonas coa intención de rematar co conflito entre bateeiros e percebeiros. 
Xuntanza das confrarías e bateeiros coa mediación da Xunta (Consellaría do Mar)
photo_camera Xuntanza das confrarías e bateeiros coa mediación da Xunta (Consellaría do Mar)

A resolución da Consellaría do Mar confirma a súa proposta de ampliar de maneira extraordinaria ao mes de xuño, após ampliarse con anterioridade a maio nunha primeira prórroga, o período de extracción de semente de mexillón en bancos naturais das comarcas costeiras de Pontevedra e da Coruña. Ademais, fixa as 16 zonas exclusivas xunto ao Parque das Illas Atlánticas para o traballo de percebeiros. A intención destas medidas é rematar co conflito entre bateeiros e percebeiros que tivo lugar nas últimas semanas como consecuencia da falta de mexilla nas zonas habituais de recollida e o traslado en busca dela a outros lugares de actividade habitual de percebeiros.

Limitacións e zonas para os percebeiros

A Xunta da Galiza estabelece 16 zonas nas que non se poderá extraer semente de mexillón, sen contar coas xa protexidas pola normativa das Illas Atlánticas. Trátase de: Punta Xinete e Loucenzas, Ribel, Costa da Vela, Illas Ronseis, Punta Boi-Parador, Silleiro, Monte Lourido, Punta Orelluda, Portocelo-Agoeira, Cala da Cetaria, Couso, Sagres, Mera, A Torre, Roncudo e A Barca

Ademais, como medida de prevención para permitir que se manteñan distancias de seguridade, Mar limita a 10 persoas as que poden participar ao mesmo tempo na recollida de fazula nunha mesma zona. Á prórroga do prazo súmase o incremento do número de cordas nas bateas, con 50 máis sobre as 100 permitidas habitualmente, así como a posibilidade extraer semente de mexillón no interior dos portos que dependan da Xunta da Galiza.

Comentarios