mércores 27.05.2020

Un xulgado decreta medidas cautelares obrigando a empresa do 061 do Barbanza a realizar test a todo o seu persoal

A raíz das demandas presentadas pola CIG nas áreas nas que aínda non se fixeron estas probas.

Protesta no hospital do Salnés (CIG).
Protesta no hospital do Salnés (CIG).

O xulgado do Social número 4 de Santiago vén de decretar medida cautelares contra a empresa Coexam (adxudicataria do transporte sanitario urxente no Barbanza) polas cales obriga a compañía a realizar de forma inmediata as probas de coronavirus de dobre banda a todos os seus traballadores e traballadoras.

No auto, ditado a raíz das demandas de tutela de dereitos fundamentais con solicitude de medidas cautelares presentadas pola CIG, recoñécese que se está a vulnerar o dereito fundamental á vida e á integridade do persoal das ambulancias.

Ordénase, segundo informa o sindicato, o cese inmediato desta conduta empresarial e requíreselle para que, de forma "urxente e inmediata", faga os test de detección de anticorpos para a Covid19 que se están realizando ao persoal sanitario e en tanto dure a vixencia da pandemia.

CIG presentou demandas similares en todas as áreas sanitarias de Galiza (agás en Vigo e A Coruña, nas que si se están realizando as probas) “ante a inacción da Xunta, que non está a facerlle as probas da Covid19 a todos os traballadores e a traballadoras das ambulancias, tanto do transporte urxente como do programado, tal e como anunciou hai xa máis de tres semanas”.

Uns test que a FGAMT-CIG reclama con urxencia para evitar a expansión dos novos contaxios e comprobar a incidencia da enfermidade entre o persoal do sector, tendo en conta que están en primeira liña contra o coronavirus.

comentarios