A xuízo o xefe de seguridade do aeroporto de Lavacolla que obrigaba as traballadoras mesmo a comunicar as súas menstruacións

As vistas iniciáronse esta segunda feira e continuarán o día 19 e o 21 no xulgado do penal de Fontiñas, na capital galega.

concentración fontiñas acoso laboral lavacolla
photo_camera Concentración ás portas do xulgado onde se realizou a vista (CIG)

Os xulgados de Fontiñas, en Compostela, acolleron esta segunda feira a primeira das vistas do xuízo contra o coordinador de seguridade do aeroporto de Santiago, polo acoso continuado que padeceron varias traballadoras. Un acoso, sinalan desde a CIG, que padeceu tamén o delegado desta central, após denunciar a actitude machista e o trato denigrante ao que estaban sometidas.

Segundo explicou Roberto Alonso, do sindicato nacionalista, as traballadoras “tiñan mesmo que informar ao xefe das súas menstruacións para que puideran ter un relevo no posto de seguridade e poder ir ao baño”. “Tiñan ademais que pedir permiso para ir ao  baño tanto as traballadoras como os traballadores e moitas veces se lles denegaba so pretexto de que non había relevos, cando realmente no aeroporto de Santiago hai un colectivo bastante grande, de máis de 40 persoas en seguridade, e non tería por que haber ningún problema”.

Alonso lamentou que se tardara practicamente seis anos en que se celebraran as vistas do xuízo. Un tempo que considerou “completamente insufríbel para as vítimas de acoso”, porque “moitas delas estiveron de baixa por trastornos ansioso-depresivos, esgotando períodos máximo dun ano e medio, tendo que incorporarse e ver alí ao acosador continuar con todo o respaldo tanto das empresas como da administración pública, porque o aeroporto de Santiago é unha empresa pública”.

Diante dos xulgados de Fontiñas realizouse una concentración coincidindo coa primeira das vistas do xuízo.

Comentarios