Xornadas de máis de 300 horas ao mes e 70 consultas diarias na Atención Primaria

O sindicato UXT denuncia xornadas desmesuradas do persoal médico mais doutros colectivos profesionais en centros de saúde de Lugo.
Pacientes consulta (Europa Press)
photo_camera Pacientes nunha consulta médica. (Foto: Europa Press).

Médicos con xornadas de máis de 300 horas ao mes, máis de 70 consultas nun día e sen persoal de substitución. Son algunhas das deficiencias que denunciou esta segunda feira o secretario da Federación de Servizos da UXT en Lugo, Elíseo Rivas, quen avisa de que este servizo está "a piques de petar" en moitas comarcas.

Rivas apelou a que "son denuncias de profesionais de toda a provincia, onde proban que hai facultativos que realizan máis de 300 horas ao mes de traballo, con máis de 70 citas ao día ou centros como o de San Roque, na cidade de Lugo, que con tres enfermeiras, dous médicos de vacacións e outro de baixa, tampouco se chega a substituír" estes profesionais.

"Isto denota uns fallos estruturais e falta de vontade política porque non basta con reunir o comité clínico senón existe auténtica vontade política", afeou.

Acabar cos contratos precarios

Rivas puntualizou que "aquí, do que se trata é evitar que as listas de substitucións e de contratación estean faltas de persoal, co que hai que aumentar as prazas convocadas nos distintos procesos selectivos e tamén ofertar mellores situacións laborais e económicas, para que os profesionais non se vexan obrigados a emigrar".

"A Atención Primaria está a piques de petar e non só pola sobrecarga do persoal facultativo, senón pola sobrecarga de todo o persoal", avisou finalmente o sindicalista de UXT.

Doutra banda, o parlamentario do PSOE por Lugo, Luís Álvarez, acusou o presidente da Xunta de ser un "escapista", en relación aos problemas da Atención Primaria.

"Feixoo é o Houdini da política non xa autonómica, senón tamén estatal. Levamos asistindo desde que se iniciou a pandemia a unha dialéctica por parte de Feixoo e o seu Goberno na que calquera cousa que funciona mal é culpa dalgún axente externo, case sempre do Goberno estatal, e cando as cousas van ben é mérito absoluto da Xunta", lamentou.

Álvarez insistiuse en que "a sanidade é competencia autonómica e se a sanidade é competencia autonómica e os éxitos da sanidade pública da Galiza son os do Goberno da Xunta, os erros, as deficiencias ou os malos funcionamentos desas políticas de sanidade son claramente responsabilidade da "Xunta", dixo.

"Por moito que se empeñe Feijoo e o PP que as cousas non están tan mal, calquera que teña que acudir a un centro de saúde ou para obter cita para Atención Primaria pode comprobar que a situación é de absoluto colapso e o único responsable é o goberno de Feixoo tanto do que pasa en Lugo como no conxunto de Galicia", concluíu o parlamentario socialista.

Comentarios