mércores 25/11/20

Xornada negra: 2 traballadores mortos e 1 ferido grave en accidentes laborais na Galiza

Un operario faleceu en Marín esmagado por un guindastre e outro en Outes ao caer desde unha torre de alta tensión.

Terza feira negra na Galiza: 2 operarios mortos e 1 ferido é o balanzo dos dous accidentes mortais que tiveron lugar esta xornada, en Marín, na comarca de Pontevedra; e en Outes, na de Noia.

Un traballador faleceu na mañá de hoxe por esmagamento nun accidente laboral rexistrado no Porto de Marín nunha operación co guindastre que manexaba.

Así o informou o 112, que sinalou que o equipo sanitario desprazado non puido facer nada por salvarlle a vida após este accidente laboral, ocorrido sobre as 11,30 horas.

Á zona o 061 desprazou unha ambulancia de soporte vital avanzado cuxo persoal confirmou o falecemento do home M.A.F.M., de 61 anos de idade, indicaron a Europa Press fontes sanitarias.

Fontes do Instituto Armado sinalaron Europa  Press que abriu unha investigación en relación á morte deste traballador, veciño de Pontevedra, para aclarar as circunstancias do accidente laboral.

Outes

A última hora da mañá informábase que un traballador faleceu e outro resultou ferido de consideración nun accidente laboral ao caer ao chan desde unha torre de alta tensión mentres realizaban labores de mantemento a unha altura duns 60 metros no municipio de Outes.

Así o informou o 112 Galicia, que indicou que os feitos tiveron lugar nunha zona de monte na parroquia de Valadares sobre as 10:15 horas de hoxe

Nese momento, varias persoas particulares avisaron do accidente ao 112 Galiza. Após iso, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) solicitaron a intervención de Urxencias Sanitarias de Galiza-061, que mobilizou até o lugar un helicóptero medicalizado, no que foi trasladado o traballador ferido ao Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela.

Por outra banda, puntualizaron as mesmas fontes do servizo de emerxencias, os efectivos médicos nada puideron facer por salvarlle a vida ao outro operario accidentado.

Un total de 28 persoas falecen en accidente laboral no primeiro semestre na Galiza. O noso país rexistrou un total de 11.493 accidentes laborais no primeiros seis meses do ano. Entre eles, ademais dos mortais, houbo 207 graves e 11.258 leves. Do total, 27 dos sinistros con falecidos na Galiza producíronse na xornada laboral e un en  itínere. 

Estas 28 vítimas mortais supoñen unha menos que as 29 do primeiro semestre de 2019, aínda que este ano estivo marcado polo confinamento e o estado de alarma a raíz do coronavirus.

comentarios