Xornada de folga polo futuro de Alcoa

O comité de empresa de Alcoa avisou de que as mobilizacións subirían de intensidade se non había solucións ao fechamento anunciado pola multinacional. Onte deu un primeiro paso cunha xornada de folga que paralizou toda a comarca da Mariña e trasladou o conflito ás mesmas portas da sede da Xunta da Galiza en Compostela.  
Concentración de persoal de Alcoa en Compostela (Arxina)
photo_camera Concentración de persoal de Alcoa en Compostela (Arxina)

As fábricas de aluminio e alúmina da Mariña viviron este 1 de xullo unha xornada de folga apoiada, segundo o comité de empresa de Alcoa, por "100% dos concellos e estabelecementos da comarca". Ao mediodía centros de traballadoras e traballadores trasladáronse até Compostela para concentrarse ás portas dos edificios administrativos de San Caetano da Xunta da Galiza coa intención de exixir ao Goberno galego que apoie "unha intervención de Alcoa para que a planta continúe outros 40 anos", como resumiu aos medios de comunicación José Antonio Zan, presidente do comité de empresa.

A falta de solucións ao fechamento anunciado pola multinacional e a forte presenza policial quentaron o ambiente polo que desde o comité rexeitaron aceptar unha reunión co responsábel de Industria da Xunta. Entre as consignas máis repetidas estaba a petición de intervención e o aviso de que "a próxima visita será con dinamita".

As auxiliares contan

"Xogámonos o futuro da comarca", explicaba Xosé Paleo, delegado da CIG en Alcoa, ao tempo que subliñaba que a decisión de levar as mobilizacións á capital galega "é para lembrarlle á Xunta que ten competencias en industria e que pode facer unha cousa fundamental, xunto co Goberno español, que é intervir as fábricas".

As empresas auxiliares tamén estiveron presentes na concentración. O seu voceiro, Kike Rocha, instaba a Xunta e o Ministerio "a deixar xa de xogar e escoitar as reivindicacións que lle estamos a facer tanto desde o persoal da factoría como desde o conxunto da veciñanza da Mariña" e demandaba "que poñan en marcha de inmediato medidas contundentes". Na concentración participou tamén persoal doutras industrias electrointensivas como XEAL, Celsa Atlantic ou Alu Ibérica

Feixoo aposta máis polo turismo

"O Xacobeo 21 non vai ser como tíñamos previsto, mais será motivo de reactivación social e económica para toda Galiza", anunciaba onte o presidente da Xunta e candidato do PP Alberto Núñez Feixoo. Esta afirmación, con todo o seu simbolismo, realizouna no acto de apertura do Camiño de Santiago, que consistiu en percorrer o tramo urbano de Compostela a poucos metros dos edificios administrativos da Xunta da Galiza no mesmo momento en que tiña lugar a concentración do persoal da factoría de Alcoa.  Persoal de Alcoa ao remate da concentración en Compostela (Arxina) 

Desde A Coruña, o conselleiro de Economía e Industria Francisco Conde, teimaba nos argumentos da multinacional norteamericana Alcoa sobre os prezos da enerxía e exixía "un prezo eléctrico competitivo" por parte do Goberno español. En declaracións aos medios omitía a proposta  presentada polo secretario xeral de Industria, Raúl Blanco, na última reunión multilateral e rexeitaba valorar a intervención da empresa, medida que piden desde o comité de empresa, afirmando que "falar de nacionalizar é tentar confrontar".   

Comentarios