Vigo

Os traballadores de Vitrasa valoran a folga indefinida tras meses de paros sen que empresa e Concello "movan ficha"

O cadro de persoal está a realizar mobilizacións desde finais de 2020, cando caducou o seu convenio colectivo.
Protesta do persoal de Vitrasa, esta cuarta feira, diante da sede do Concello de Vigo. (Foto: Europa Press)
photo_camera Protesta do persoal de Vitrasa, esta cuarta feira, diante da sede do Concello de Vigo. (Foto: Europa Press)

O comité de empresa de Vitrasa, concesionaria do bus urbano de Vigo, valora a convocatoria dunha folga indefinida a partir de marzo, após meses de paros parciais para reclamar a actualización do seu convenio sen que nin a empresa nin o Concello movesen "ficha". Así o trasladou esta cuarta feira o vicepresidente do comité, Fernando Pérez, en declaracións aos medios durante unha concentración de traballadores da concesionaria ante o Consistorio da cidade.

Segundo lembrou, o alcalde non recibe os representantes dos traballadores, a pesar de que o cadro de persoal está a realizar mobilizacións desde finais de 2020, cando caducou o seu convenio colectivo. Os empregados reclaman actualizar o seu marco laboral para recuperar o poder adquisitivo perdido, e unha mellor regulación das súas condicións de traballo e descanso, xa que realizan xornadas de até 10 horas e están condicionados por uns horarios que non se flexibilizan, aínda que as rutas estean afectadas por obras ou desvíos.

Dous anos en conflito

Lonxe de achegar posturas, empresa e traballadores non sentan a negociar desde agosto do ano pasado —e as protestas e paros viñéronse producindo desde hai máis de dous anos—. Ademais, o ano pasado a concesionaria tentou aplicar un 'descolgue salarial', deixando sen efecto o convenio para poder rebaixar os soldos 30%, alegando perdas económicas. Esas pretensións foron rexeitadas por un laudo arbitral, ratificado posteriormente polos tribunais.

Entre tanto, lamentaron desde o comité, o alcalde, Abel Caballero, e o Goberno local seguen a negarse a intervir, aducindo que se trata dun conflito entre unha empresa e os seus traballadores, e todo iso a pesar de que Vitrasa presta un servizo público. Así mesmo, o rexedor deslizou nas últimas horas que os soldos dos empregados de Vitrasa están por riba dos estipulados no convenio provincial do transporte de pasaxeiros en bus.

A esta consideración, os traballadores responderon lembrando ao rexedor que o seu soldo se basea no seu convenio propio, e que non pode compararse co provincial, porque as condicións de traballo son diferentes. "Nós non imos deixar a un colexio ou a recoller e xa está, nós estamos a piñón 10 horas todos os días", explicou Fernando Pérez.

Neste contexto, e dado que non hai movementos por parte da empresa —que está en procesos xudiciais para reclamar compensacións económicas da Administración local polas perdas causadas pola pandemia— nin do Concello, o comité valora endurecer as protestas e dar un paso máis aló, convocando folga indefinida a partir de finais de marzo.

Críticas do BNG

Na concentración de traballadores que decorreu esta cuarta feira participaron os portavoces do grupo municipal do PP, Alfonso Marnotes; de Marea de Vigo, Rubén Pérez, e do BNG, Xabier Pérez Igrexas, que previamente mantivo unha reunión cunha delegación de representantes do cadro de persoal. Precisamente, Pérez Igrexas sinalou que o conflito xa dura máis dous anos e ten "dous responsábeis": a concesionaria, que "practica a pirataría empresarial", e o alcalde e o seu Goberno, que se situaron "de maneira deliberada" como "cómplices" de Vitrasa.

Sobre as declaracións de Caballero a respecto dos soldos dos traballadores, o concelleiro nacionalista replicou apuntando que "para salarios moi dignos, os do grupo municipal socialista, que están moi por encima das retribucións de traballadores e traballadoras que teñen xornadas de 10 horas, non perciben nocturnidade, non poden parar durante as súas viaxes e cos seus dereitos laborais sistematicamente cernados pola empresa".

"Hoxe Vitrasa presta menos servizo que en 2109, cobrando o billete máis caro e garantíndose eses case 13 millóns de subvención directa que recibe por parte do Concello", sentenciou, e reclamoulle ao Goberno local que defenda a calidade do servizo público, que está a ser "minorada co consentimento" da Administración municipal.

Comentarios