Aprobado o informe de xestión sen votos en contra

O VII Congreso avala a aposta da CIG na mobilización e na loita sindical

O sábado á mañá arrincou o VII Congreso da CIG, que ten lugar en Compostela baixo o lema “Coa CIG somos máis fortes”. Fíxoo coa presentación do Informe de Xestión, que correu a cargo do secretario xeral, Suso Seixo, e que foi aprobado co voto favorábel da práctica totalidade das persoas asistentes (458 votos), ningún en contra e 3 abstencións.

[Imaxe: CIG] Congreso da CIG
photo_camera [Imaxe: CIG] Congreso da CIG

Comeza a xornada vespertina do VII Congreso da CIG, que avalou a aposta do sindicato na mobilización e o conflito. Durante a mañá, as persoas que asistiron ao congreso, votaron o informe de xestión da executiva saínte con 458 a favor, ningún en contra e tres abstencións.

Suso Seixo, quen deixará a Secretaría Xeral este domingo após 16 anos á fronte, foi o encargado de defender o informe de xestión que recolleu os resultados do traballo desenvolvido neste período. Unha etapa caracterizada por unha CIG protagonista da loita sindical, das mobilizacións e das alternativas.

A mellora dos índices de afiliación – a CIG é a primeira forza de Galiza en número de afiliadas e afiliados- e os moi bos resultados nas eleccións sindicais, a tan só unhas centésimas de ser a primeira forza en representatividade nas empresas foron outras das características salientadas por Seixo na súa intervención.

Retrocesos

O secretario xeral da CIG fixo fincapé nas políticas económicas e laborais impostas pola troika que “supuxeron a perda de miles de postos de traballo e o empobrecemento de amplos sectores da sociedade, ao tempo que se protexían os intereses do sector financeiro, pola vía de axudas, do crédito barato e da especulación coa débeda pública”.

Após criticar o carácter “antisocial” da UE e a súa política contraria ás persoas refuxiadas, Seixo centrouse na situación socioeconómica, laboral, política e sindical da Galiza e do Estado español. Puxo a mirada nas consecuencias das reformas laborais e no retroceso nos dereitos da clase traballadora, “estamos a falar dun calculado e continuado proceso de desmantelamento do dereito do traballo a prol da parte máis forte nas relacións laborais, a prol do capital”.

Á denuncia do desregulamento e flexibilización das condicións en materia como a contratación, o despedimento, a xornada, o salario ou a negociación colectiva, sumou a crítica ao desmantelamento do sistema de protección social.

A continuación, Seixo ofreceu unha radiografía das consecuencias das citadas políticas: perda de poboación activa; perda de postos de traballo; miles de persoas desempregadas; máis contratación temporal; perda xeneralizada de poder adquisitivo dos salarios; recorte de gasto público en servizos públicos esenciais e, en moito casos, a súa privatización e caída da capacidade produtiva, nuns casos, e perda de control por parte do capital galego, noutros, de sectores produtivos básicos.

Seixo criticou a “incapacidade do goberno galego, do PP” para actuar en defensa dos intereses de Galiza

Neste contexto, puxo de manifesto a “incapacidade do goberno galego, do PP” para actuar en defensa dos intereses de Galiza. Acusouno de actuar “como salvagarda do neoliberalismo e dos intereses das grandes empresas e da oligarquía española”.

Loita sindical

O secretario xeral salientou que a CIG centrou a súa acción sindical en combater os recortes de dereitos cunha actividade constante. Considerou que, malia a situación do mercado laboral e da paralización e empeoramento que se deu n a negociación colectiva, conseguiuse activar un nivel de conflitividade e de mobilización social importante que se materializou en conflitos e accións reivindicativas vinculadas a cuestións como despedimentos individuais ou colectivos; deterioro dos servizos públicos; non pagamento e non cotización de horas extras, acoso laborais, represión sindical, mellora salarial ou as propias campañas sobre temas xerais promovidas pola CIG.

A respeito da negociación colectiva, denunciou a parálise que está a sufrir, así como o retroceso de convenios como consecuencia das sucesivas reformas laborais, “feitas para debilitar a capacidade de presión da clase traballadora”. Aínda que especificou que, de momento, os casos de convenios de empresa que minoraron as súas condicións de traballo e salarios non son moi numerosos, advertiu de que esas circunstancias “contaron coa inestimábel colaboración, nuns casos de CCOO e noutros de UXT, que chegaron a pactar até reducións nos salarios superiores a 200 euros ao mes”.

Para finalizar, Suso Seixo fixo un percorrido polos centos de iniciativas desenvolvidas pola CIG no último período. Non esqueceu o traballo desenvolvido en materia de igualdade de xénero e a implicación da CIG na loita feminista, como tampouco a loita constante en defensa do noso idioma.

Carril será proclamado secretario xeral o domingo

Durante a tarde, presentaranse, debateranse e votaranse os relatorios. Ademais, presentarase a candidatura. A votación de cargos e membros da Executiva Confederal, a Secretaría Xeral e a Comisión de Garantías terá lugar na xornada do domingo, que será cando Paulo Carril tome o relevo de Seixo.

Paulo Carril, quen encabeza a candidatura de consenso que se presenta ao VII Congreso da CIG, a admitiu que é "difícil" relevar unha persona como Suso Seixo e fixo fincapé na necesidade de "coller a forza necesaria" para afrontar o momento actual a través dun sindicalismo "combativo e asembleario".

En palabras de Carril, o obxectivo pasa por "tirar abaixo" todas as reformas laborais, así como "a brutal política de recortes que provoca un crecemento do empobrecemento e das desigualdades sociais",

Comentarios