Berta Trigo Culler, sindicalista: "A vida na conserveira era criminal, por calquera cousa había castigo"

O pasado 7 de marzo a sindicalista e traballadora na conserva Berta Trigo Seller, recibía un dos Premios 10 de Marzo cos que anualmente a fundación de CCOO homenaxea as traxectorias de loita sindical e compromiso polas liberdades. Con 86 anos é memoria viva da loita das traballadoras da conserva na Arousa.
Berta Trigo (Nós Diario)
photo_camera Berta Trigo (Nós Diario)

Que posibilidades había neses anos da ditadura franquista para que unha muller tivera un traballo na ría de Arousa? 
A única saída laboral era traballar na conserva, non había outra. Onde agora hai casas antes había conserveiras de mexillón.

Como era a vida nunha empresa conserveira como na que vostede traballou?
A vida na conserveira era criminal. O xefe, o da cociña,... xa morreron, mais daquela facían o que querían con nós. Na fábrica todas as que traballabamos eramos mulleres. Por calquera cousa había castigo. 

Como era ese castigo do que está a falar por parte da empresa conserveira?
Tiñan as súas maneiras. No meu caso lembro que mandaban que fósemos para un pendello para cortar o bonito, se non íamos non cobrabamos un patacón. Eran tempos moi malos. Chamábannos á oficina e corríannos. Querían castigarnos e non podían con nós. Fartámonos de ir denunciar a Vigo o que acontecía. Logo viñan á fábrica a ver cal era a nosa situación e iso non lles gustaba nada.  

Vostede foi delegada sindical na empresa. Que lembra daqueles anos?
Queriamos mellorar as nosas condicións que eran moi malas. Lembro con cariño a moitas compañeiras. Había dúas mulleres, entre todas, que sabían moito e estaban moi ao tanto dos nosos dereitos. Unha delas era Maruxa que era a máis valente de todas e dicíanos o que tiñamos que facer. Foi unha muller marabillosa. 

Tiñan medo cando reivindicaban os seus dereitos? 
Desde logo que tiñamos. Mesmo na miña casa había preocupación polas nosas reivindicacións, que eran moitas. Meu home sempre me dicía que non quería que me lastimaran e dicía que un día volvería cun ollo inchado pola nosa protesta. Aínda así tiñamos claro que había que exixir os nosos dereitos. Non era todo ver como os xefes enchían os seus petos e nós a mirar para eles, protestabamos.

Ten explicado moitas veces que non tiña horarios cando se trataba de axudar algunha compañeira, é así?
Se era preciso íamos ás catro da mañá exixir polo noso. 

Marcoulle a experiencia sindical? Vostede entrou en CCOO hai xa moitos anos e aínda segue en activo.
O sindicato era a maneira que tiñamos de defendernos. E segue sendo. O caso é que, daquela, algunhas non se defendían. Mais fixemos moitas. Lembro ir a Vigo parar as fábricas. Xuntabámonos todas e non quedaba ninguén na empresa.

A situación laboral da muller no noso país mudou mais cre que aínda hai camiño por andar?
A situación non mellorou moito. Quedan desigualdades e moitas dificultades para traballar. A miña filla, por exemplo, ten que desprazarse cada día até Noia, con todo o que iso significa. 

Comentarios