Vestas prolonga até o 4 de novembro o período de consultas

A empresa négase a negociar dous ou tres meses como lle pide o comité de empresa. O persoal da factoría de Viveiro manifestarase esta vindeira segunda feira en Compostela.
Marcha contra o ERE en Vestas (Arxina)
photo_camera Marcha contra o ERE en Vestas (Foto: Arxina)

A multinacional Vestas decidiu prolongar unha semana o período de consultas do expediente de regulación de emprego (ERE) extintivo que propón para a planta de Chavín, en Viveiro, polo que a negociación seguirá até o 4 de novembro cando, de inicio, remataba o 28 de outubro. 

A nova chegou esta sexta feira tras un encontro de cinco horas entre representantes do cadro de persoal e a empresa.

O presidente do comité, David Mariño, informou de que Vestas decidiu, de forma unilateral, ampliar só unha semana ese período aínda que as e os empregados piden prolongar tres meses máis a negociación en busca de solucións. 

Negativa a manter activa a planta

Mariño indicou que Vestas segue a negarse a reconsiderar a posibilidade de manter activa a planta, dado que "quere matar a produción en Viveiro si ou si".

O comité lamenta que esta decisión de Vestas só busca facer ver que "negociaron moito", pois "está interesada en armar a defensa contra unha decisión xudicial".

Alén diso, a compañía ofreceu a creación dunha vintena de postos de traballo, aínda que o comité mantense na reivindicación de buscar unha solución para os 115 operarias e operarios afectados.

Na sexta feira, o persoal de Vestas realizou unha unha concentración na praza maior de Viveiro baixo o lema 'Non  deixemos que a  chama extíngase'.

A vindeira segunda feira, 25 de outubro, manifestaranse en Compostela con motivo dunha nova reunión da mesa industrial.

Comentarios