Vestas non dá máis tempo para vender a factoría malia ter oito posíbeis compradores

Apois unha nova reunión en Compostela da mesa industrial de Vestas, coaparticipación do comité, a empresa, a Xunta e o Goberno español, trascendeu o interese dalgunhas compañías pola factoría de Viveiro.
Concentración de persoal de Vestas na praza do Obradoiro (Nós Diario).
photo_camera Concentración de persoal de Vestas na praza do Obradoiro (Foto: Nós Diario).

Até oito posíbeis compradores identificou a Xunta da Galiza que poderían encaixar nunha operación de venda da factoría de Vestas en Viveiro. Aínda así, segundo asegura a conselleira de Emprego, María Jesús Lorenzana, a marxe de manobra é nula ao ampliar a empresa o período de consultas do expediente de regulación de emprego (ERE) de extinción do 28 de outubro ao 4 de novembro.

Foi a única novidade que se sacou tras unha nova reunión en Compostela da mesa industrial de Vestas na que tamén estiveron presentes o comité, a empresa e o Goberno español

Para o presidente do comité de empresa, David Mariño, esta foi unha reunión "infrutuosa" porque "hai unha serie de malentendidos entre a empresa e a mesa industrial". Indica que a compañía deu conta de que vai contratar a unha consultora para estudar "unha posíbel venda da fábrica", aínda que "non informa" diso á mesa industrial que "está a facer ao mesmo tempo esa mesmo labor desde antes".

En palabras deste sindicalista as declaracións da compañía son "unha serie de incongruencias que non teñen nin pés nin cabeza". 

Por este motivo, Mariño cre que Vestas o único que persegue é "acabar de fechar o expediente do ERE", para o que "engadiron o tempo que lles facía falta para mandarnos á rúa".

"Á empresa non lle interesa que salvemos a industria da Mariña, só lle interesa acabar con este expediente canto antes e esquecerse de que existe unha fábrica en Viveiro", reprobou o presidente do comité.

Mobilización do persoal en Compostela

Convocada polo comité de empresa de Vestas en Viveiro, esta segunda feira operarias e operarios desta empresa manifestáronse en Compostela coincidindo coa reunión da mesa industrial.

Arroupando ao comité, a marcha desenvolveuse  desde a Alameda compostelá até a praza do Obradoiro. Despois, o persoal da factoría trasladou a concentración até diante a Escola Galega de Administración Pública (EGAP), onde tivo lugar a mesa industrial.

O obxectivo da mobilización, subliñou o comité, foi "defender" os postos de traballo, tendo en conta que perigan 150 empregos da fábrica unha vez anunciado o feche. Empresa e persoal reuniranse de novo esta sexta feira para tratar do ERE de extinción.

Comentarios