martes 31.03.2020

Varios colectivos piden parar o traballo polo coronavirus

Dentistas, fisioterapeutas e podólogos exixen ao Goberno que elimine a obriga de abrir as súas clínicas ante o risco de contaxio por falta de material.
Unha clínica dental en Compostela (Arxina).
Unha clínica dental en Compostela (Arxina).

A pasada segunda feira entraron en vigor as medidas de prevención fronte ao coronavirus aprobadas polo Centro de Coordinación Operativa da Xunta, entre as que se estabelecían os negocios que poderían abrir as súas portas para prestar servizos á poboación. 

No caso da alimentación, teñen permiso froitarías, carnicerías, peixarías, padarías e pastelarías, así como tendas de licores ou de calquera outro produto alimenticio. Tamén poden permanecer abertas gasolineiras, tendas de informática, de telefonía, de animais, quioscos de prensa, farmacias, parafarmacias, ópticas e ortopedias. 

En canto aos servizos de saúde, a Xunta inclúe clínicas, laboratorios, médicos, dentistas, fisioterapeutas, pedagogas, psicólogas e veterinarias. Pero nas últimas datas, algún destes colectivos amosou o seu rexeitamento a estas medidas.

É o caso das podólogas, que pediron ao Goberno español o feche das súas clínicas, coa excepción dos casos de urxencia, co fin de evitar posíbeis contaxios de doentes positivos asintomáticos. 

Suspensión a todos os efectos

Segundo o Consello Xeral de Colexios Oficiais de Podoloxía, "débese considerar a podoloxía como unha actividade suspendida a todos os efectos, salvo a asistencia ás urxencias", que, consideran, "debe manterse para non contribuír ao colapso dos servizos de urxencias hospitalarios".

Neste senso, denuncian que as profesionais do sector atópanse ante "a completa indefinición" legal sobre a situación das súas clínicas, polo que piden ás autoridades que contemplen a podoloxía como unha actividade "suspendida", afectada directamente pola pandemia ocasionada polo Covid-19, co gallo de poder solicitar expedientes de regulación de emprego de suspensión por forza maior, así como para que as autónomas poidan acceder ás axudas contempladas para o cese da súa actividade.

Tamén critican que o desenvolvemento do artigo 17 do Real Decreto 8/2020, ademais de incluír a podoloxía, debería explicar debidamente o alcance da axuda económica que contén, xa que está aberto a "múltiples interpretacións e xera confusión" no colectivo afectado.

Moitas das clínicas, como medida de precaución, xa están a fechar, pero deixan un contacto para atender os casos máis urxentes. Neste senso, o Consello puxo en marcha un protocolo que permite ás pacientes ser atendidas previamente por teléfono a través dun cuestionario previo. 

Tamén as dentistas

O mesmo que acontece coas podólogas pasa coas dentistas. O Consello Xeral de Dentistas tamén reclamou a inclusión das clínicas dentro do decreto de estado de alarma pola pandemia do coronavirus. 

O seu presidente, Óscar Castro Reino, afirma que as profesionais do sector, ao traballar constantemente en presenza de aerosois e a unha distancia menor a un metro da boca do paciente sitúaos nunha situación de risco, ademais de convertelos en "vectores de transmisión", polo elevado número de persoas que atenden cada día. 

Ademais, critican a súa indefensión ante estes casos, xa que, explica, "estamos a doar todo o material de clínica, estamos a desabastecernos. Se non temos material, non podemos traballar con seguridade. Entón, loxicamente, limitamos a nosa actividade laboral".

O problema non só se limita ás dentistas, senón tamén ao persoal por conta allea que traballa nesas clínicas. Como explican desde o Consello, hai moitas auxiliares ás que as súas empresas están a pedir que realicen o seu traballo con normalidade, pero coa "acumulación de pacientes nas consultas" o que se está a conseguir é aumentar a exposición ao coronavirus deste colectivo."Estamos altamente expostos. Ademais de que estarmos expostos, carecemos do material, co cal, temos que fechar a clínica si ou si". Denuncian desde o colectivo.

Desfeita económica

De non tomarse as correspondentes medidas, entre elas as mesmas que exixen as podólogas, Castro Reino vaticina unha desfeita económica para as clínicas dentais, xa que boa parte do seu persoal son traballadoras autónomas. "Non pode ser que se faciliten ERTE e extincións a determinados grupos e nós, que permanecemos abertos pero non estamos a traballar, aínda por riba teñamos que doar os nosos materiais á sanidade pública", advertiu. "Se nos piden o esforzo para doar material, que tomen as medidas económicas para paliar a grave desfeita económica que nos vai supor", engadiu.

"Sería o feche de millares de clínicas e millares de profesionais  quedarían na rúa. A xente ten que comer, pedimos axudas como as grandes empresas, ás que se lles dan facilidades. Se seguimos pagando as nóminas e non temos ingresos, iso lévanos ao feche por non facer fronte a estes pagamentos", alertou.

As veterinarias, pola súa banda, están noutra situación ben distinta, xa que non está demostrado o contaxio do virus cos animais, polo que poden seguir a desenvolver a súa actividade como fixeron até o de agora. 

comentarios