Unións Agrarias reclama "solucións rápidas" para "salvar o futuro" do sector apícola

A organización agraria alerta da crise que atravesa o sector apicultor.
Sin título
photo_camera O responsábel de apicultura Unións Agrarias, Roi Regueira, xunto ao secretario de organización sectorial, Félix Porto (Foto: UUAA).

Unións Agrarias (UUAA) reclamou esta segunda feira ás Administracións "solucións rápidas" para "salvar o futuro" do sector apícola ante a "grave crise" que vive na Galiza polo "brutal incremento" dos custos de produción do mel, o que sumado ás pragas, causou un descenso de 50% da produción nos últimos anos.

O sindicato agrario explicou que un dos motivos da inflación que sofre o produto agora mesmo ten que ver co aumento do custo de moitos inputs, como o combustíbel ou os medios de envasado, "que duplicaron o seu prezo no último ano a causa da guerra de Ucraína".

A este factor, sinalou UUAA, súmaselle tamén o cambio climático, que, "á parte de ondas de calor, provoca incendios que obrigan a mover as explotacións do seu lugar orixinal".

Ademais, explicou a organización, "a produción de mel complícase coa incesante presenza de depredadores, como a vespa velutina e a praga da varroa, (un ácaro que transmite unha enfermidade ás abellas e ocasiona a morte de colmeas enteiras)".

"Etiquetaxe deficiente"

Outra das problemáticas que afectan á baixa competitividade do produto que comercializa o sector apicultor galego é a gran cantidade de marcas que "venden o seu produto como estatal, cando a maior porcentaxe deste foi recollido noutros Estados, baixo a lenda de mestura de meles orixinarios e non orixinarias da Comunidade Europea".

Unha "etiquetaxe deficiente" que lastra ás explotacións, xa que o seu produto "non é competitivo contra os baixos prezos que ten o mel de lugares como a China, Arxentina ou Turquía", que entra no comercio galego "sen ningún tipo de control".

Por este motivo, o sindicato agrario reclamou ao Goberno do Estado español que se activen "mecanismos para facer fronte a esta ameaza, como campañas de información e formación a nivel institucional que axuden ao consumidor para recoñecer a procedencia do produto".

Comentarios