Urbaser emprega "esquirois" para a recollida de lixo en Lugo

O comité de folga denunciou que se está a "vulnerar o dereito a folga" após empregar a concesionaria traballador@s doutras localidades para recoller os residuos acumulados logo de 25 días de paro. 

CIG-Lugo
photo_camera [Imaxe CIG-Lugo]

A denuncia do comité de folga, presentada perante Inspección de Traballo, acusa a Urbaser de "vulnerar o dereito a folga" ao iniciar a recollida do lixo empregando operari@s da concesionaria procedentes doutras localidades próximas á cidade amurallada. 

"Aquí temos esquirois", indicou un dos portavoces do comité de folga, Julio Pacios (UGT). "Traen xente externa cando nós saímos todos os días", subliñou. E é que o plantel de Urbaser-Lugo, en folga, mantén a recollida do lixo dos puntos considerados de risco por Sanidade desde que comezou o paro. "Isto cremos que é unha invasión total e sen medida consentida polo Concello de Lugo que pon de escoltas á Policía Local, un gasto innecesario para a cidade", acrecentou Pacios. 

Desde o comité de folga baten contra Urbaser por desenvolver estas prácticas ao tempo que, din, está "desaparecida en combate" das negociacións. Após rematar sen acordo a primeira xuntanza, o paro indefinido continúa co apoio unánime do plantel. No entanto, esta sexta feira o comité de empresa de Urbaser en Compostela chegou a un acordo coa concesionaria, o que evitou que se extendese o conflito á capital galega --onde xa ameazaran con convocar a folga. 

Este pre-acordo podería sentar as bases dun en Lugo, se ben as posicións entre traballador@s e empresa están máis afastadas e os despedimentos e sancións aplicados desde o inicio do paro, non facilitan as cousas. Polo de agora o calendario de mobilizacións continúa e este sábado prevese unha multitudinaria manifestación polas rúas luguesas en apoio ao persoal de Urbaser en loita. 

Comentarios