Urbaser e o comité de folga inician contactos após rexeitar o pleno municipal intervir no conflito

PP e PSOE rexeitaron en sesión plenaria que o Concello intervise no conflito de Urbaser, como propuñan traballador@s e BNG, mais a empresa convocou o comité de folga para iniciar a negociación dun novo convenio colectivo.

Urbaser
photo_camera O plantel segue o pleno através dun computador do Bloque. Foille negada a entrada ao Concello

Após máis de dúas semanas de loita, a folga da recollida de lixo en Lugo continúa. Na segunda feira, o pleno da cidade amurallada debateu a moción presentada polo grupo municipal do BNG a instancias do plantel de Urbaser e na que solicitaban que o goberno de López Orozco intervise perante a empresa concesionaria para iniciar as negociacións, readmitir @s despedid@s, anular as sancións e, en caso contrario, municipalizar o servizo. 

Porén, as bancadas do PSOE non apoiaron as demandas d@s traballador@s e @s edís mantiveron "a posición que teñen desde o comezo, acarón da empresa", sinala en conversa con Sermos Galiza a voceira do comité de folga, Carmen Antas (CIG). Desde o goberno local aseguraron que ter mantido contactos "coas dúas partes" e mesmo defenderon que grazas a actuación municipal o estado da cidade "é menos grave do que chegou a ser", dixeron. 

O PP rexeita apoiar a readmisión d@s despedid@s

Pola súa banda, o Partido Popular presentou unha emenda á proposta achegada na que suprimía o artigo primeiro "que era instar á readmisión dos traballadores e anular as sancións", aliás acusaron ao goberno de Orozco de dar "ás á empresa". Para a asemblea de traballador@s o primeiro punto "era o máis importante" polo que o grupo propositor, o BNG, rexeitou aceptar as emendas populares. "O Bloque non aceptou e o PP posicionouse en contra do plantel", explica Antas. 

PP e PSOE rexeitaron a moción proposta polo Bloque a intancias d@s traballador@s de Urbaser

No exterior da Casa do Concello @s empregad@s de Urbaser seguiron a sesión através dun computador facilitado polas concelleiras nacionalistas, Paz Abraira e Cristina Ferreiro, logo de lles ser negada a entrada ao salón de plenos. Con apupos e consignas dirixidas @s edís do PP e do PSOE, @s traballador@s amosaron o seu rexeitamento ás posicións defendidas polas dúas forzas políticas que finalmente rexeitaron a moción presentada con 22 votos en contra e tan só dous, do BNG, a favor. 

Urbaser propón un novo convenio con actualizacións salariais

No entanto, o comité de folga foi convocado por Urbaser a unha xuntanza que tivo lugar no Gran Hotel de Lugo. "A convocatoria incluía unha proposta para negociar o novo convenio colectivo" no que se incluirían as cláusulas sociais do anterior, explicou Antas, e na que se prevía unha actualización salarial de acordo coa suba anual do IPC. 

A asemblea de empregad@s acordou acudir ás negociacións para expor as súas condicións 

Perante a proposta da empresa o comité de folga convocou a asemblea de traballador@s para decidir se aceptaban sentar á mesa e iniciar os contactos con Urbaser. Neste senso, @s empregad@s acordaron tomar parte nas conversas para "fixar as condicións" que defende o plantel e que pasan de maneira "imprescindíbel", din, pola readmisión d@s 23 despedid@s e dos máis de 60 expedientes sancionadores abertos desde o inicio da folga. 

Unha nova xuntanza terá lugar ás 12.00 desta terza feira, na que o comité prevé que Urbaser acepte as condicións d@s traballador@s e poder iniciar así as negociacións dun novo convenio. 

Comentarios